Opinión

Saben os paxaros que existe a gaiola?

EN XULLO de 2016 na miña colaboración "A doenza da liberdade", inspireime nestas palabras de Jodorowsky: "Os paxaros criados en gaiolas pensan que voar é unha doenza". Malia iso, afirmaba no meu artigo que non era preciso ter nacido na ditadura para levala dentro. Debería ter dito outro tanto da liberdade. Non abonda con vivir nunha democracia para sermos libres.

Seica é moi bonito, confortante, e soa moi ben, falar da liberdade interior, a de podermos voar e fuxir lonxe co pensamento, mesmo vivindo en prisión. Porén, voar, por moito que sexa metáfora de moitas cousas intanxíbeis, é antes que todo unha actividade física, material se vale o adxectivo neste caso, destinada a salvar distancias, facer o niño, beber a auga limpa das fontes, migrar se é o pertinente, amar, ou papar os figos e as cereixas.

Porque a liberdade é poder ser o que somos conforme a nosa natureza, sempre que non colidamos coa liberdade dos outros. Porén, o mesmo rexe para eles. Ninguén pode ser libre de posuír todo mentres unha infinidade de persoas carecen do máis elemental. 

É evidente que os votantes de ultradereita non saben o que supón ter un goberno que non lles vai recoñecer o dereito a pensar autonomamente, agás que coincidan co pensamento totalitario de quen manda. 

Sei que, por babor e estribor, se empregan con demasiada lixeireza os termos ‘fascista’ e ‘comunista’. Fascista, segundo o dicionario da RAG, é quen amosa un comportamento autoritario, asoballando os demais ou negándolles os seus dereitos. Non todos os partidarios do capitalismo o son. O comunismo, segundo o mesmo dicionario, aspira á eliminación do sistema capitalista e á superación da loita de clases (motor da historia para Marx), propugnando a propiedade colectiva dos bens de produción e a xustiza social. Todos os que e as que defenden un mellor reparto da riqueza e a igualdade de persoas e pobos, teñen dereito a existir sen que lles caia a pauliña enriba.

Mais dáse a circunstancia de que este neoliberalismo exacerbado que estamos a padecer é unha gaiola de barrotes rexos. Moitos dos paxaros non se decatan de que están en catividade. Non obstante, acreditan nas palabras dos que así os teñen, os reaccionarios, demagogos, ultras, que lles prometen a salvación. Para iso, cómpre arrombar as conquistas logradas con sangue, suor e dores. A memoria, cando non se razoa ou se se razoa a base de consignas e falacias, esvaece como a néboa co sol.

Non terán, por exemplo, os galegos e galegas, traballadores do mar, dereito a vivir da pesca? Onde están as chaves desa gaiola? Alguén terá que atopalas.

Comentarios