jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Que rostro lles poría vostede?

Máis veces, por estas datas, teño recordado o noso grande fabulador, Álvaro Cunqueiro, verbo da súa querenza pola corporeidade dos anos. Ben se sabe que gustaba de facer citas apócrifas e non sería doado, agás que se fixese unha pescuda exhaustiva, identificar o que saíu do seu maxín e o que pertence á imaxinación dos que el cita.

Así, asegura nun seu artigo que o poeta William Blake viu en Londres como o ano 1807 se despedía do mundo. Seica era unha anciá de capa negra, enfeitada con camelias murchas. Aquela encarnación botoulle a lingua e cuspiu no chan. O poeta inglés escribiría nos seus Songs of Experience que non tiña dúbida de que se trataba do tal ano.

Antes, o ano 1643 naceu en Braga en presenza do cirurxián Cardoso. Sen chegar a intervir este, saíu dun gran inmenso que tiña Luscinda Lopes. Era un home loiro, bigotudo, pequeno, vestido de branco e descalzo.

O ano 1615 faloulle a Von Eussen (?). Era redondo coma un globo, sen pernas e co cabelo azul. As palabras que pronunciaba convertíanse en pedras e batían no chan con grande estrondo.

Rematado o 2020, un bisesto fiel á súa sona de nefasto, talvez sexa oportuno pórlle tamén rostro. É posíbel que vostedes xa o teñan feito. Eu imaxínoo coma un alacrán, punzante e cheo de veleno. Veleno, a miúdo letal para os corpos, e veleno para as conciencias porque nin cando constatamos o efémero que é o noso paso pola existencia, renunciamos a facer o mal. Refírome, naturalmente, ás cambadelas que se poñen uns partidos a outros no afán de capitalizaren a desgraza. Falo de quen quere facer negocio coa dor allea. Penso nas persoas negacionistas e desaprehensivas, que poñen en risco a propia vida e a dos demais.

Porén, se cargamos un prato da balanza coas cousas ruíns e o outro coas positivas, de certo que pesan máis as últimas. Canta xenerosidade e heroísmo! Cantas vidas sacrificadas na defensa doutras vidas! Canta paciencia! Canto amor!, iso que á fin é o único que queda, como escribiu Ángel Valente e repetiu, citándoo, Agustín Fernández Paz.

E que rostro desexamos para este 2021? Semella que corren malos tempos para os soños. Malia todo, estamos obrigados e obrigadas a soñar cousas bonitas para que acontezan. Sospeito que quen ten ideas nobres, aínda que non o saiba, está axudándoas a nacer. Do mesmo xeito que quen se aferra á ambición e á mentira, fainas reinar ao seu redor.

Sexa, pois, un "anxo feramente humano" o 2021 que hoxe é naipelo. O que vai entre aspas é o título dun libro de Blas de Otero, aquel poeta que pedía a paz e a palabra. Se elas nos acompañan os trescentos sesenta e cinco días, o ano terá un rostro fermoso.

Que rostro lles poría vostede?
Comentarios