jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Rodando co mundo

POUCAS MÚSICAS teñen o poder de nos transportar ao territorio da nostalxia como Kothbiro, a canción popular recreada e cantada polo queniano Ayub Ogada, falecido en 2019. O compositor donostiarra Alberto Iglesias incluíuna na banda sonora da película O xardineiro fiel, filme británico dirixido por Fernando Meirelles, do Brasil, e baseado na novela homónima de John le Carré, o novelista que finou o día 12 do mes en curso.

Nos meus tempos de mestra en activo, empregaba con frecuencia, entre outras, esta canción para motivar o alumnado na elaboración de textos. Era moi raro o caso en que non entendían Kothbiro como a despedida ou lamento dun emigrante obrigado a deixar a propia terra. A min suxeríame algo semellante, seguramente por cadrar á perfección coa idea de camiño que afasta do lugar dos afectos, co berro que di moito máis que as palabras.

Seica Kothbiro na lingua luo significa chuvia vindeira. A letra convida a recoller o gando porque vén a auga, tan desexada por un pobo que padece grandes secas. Despois de todo, emigración e escaseza de auga non son termos afastados. A primeira é, a miúdo, consecuencia da segunda e esta, á súa vez, sinónimo de fame. Jorge Drexler tamén lle fixo outra letra.

Na cultura africana, por veces á falta doutras posibilidades, empréganse as cancións para transmitir coñecementos. É o caso da que nos ocupa e traio aquí co motivo do Día internacional do migrante (e da migrante, claro, aínda que a Onu non o bautizase así). Ben poderían ser os abondosos cantares e poemas inspirados por este fenómeno, os que nos educasen tamén a nós, se for preciso.

En Galiza temos unha produción ben abondosa. Comezando por Rosalía de Castro continuando por Pondal e Curros, entre os autores do Rexurdimento, e seguindo por Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane, a nómina é amplísima até hoxe.

Carlos Castilla del Pino, na súa obra Teoría de los sentimientos, fala dos metasentimentos. Para el serían os producidos por outro sentimento. Neste caso, o sentimento comunicado nas cancións, axudaría a conformar, alén da emoción, o metasentimento da solidariedade.

É hora de vacinarnos contra a xenofobia, ese virus que ás veces chega polos seus propios medios, mais outras inocúlanolo quen fai del a súa razón de vivir e, sobre todo, do seu odio.

Cómpre esixir a liberdade de rodar, mais non a obriga de facelo a causa da pobreza, a guerra e os desastres provocados pola ambición do capitalismo homicida. Non nos podemos afacer a que o mar, ademais de ser un camiño que nos afasta, sexa unha inmensa tumba sen nomes.

Rodando co mundo
Comentarios