Opinión

Quen nos descubrirá?

AMÉRICA FOI descuberta por Cristovo Colón, nas enciclopedias da miña infancia e na versión oficial de hoxe mesmo, almirante xenovés. Noutras teorías, catalán, sevillano, estremeño, grego, inglés, corso, croata, portugués ou galego. Neste último caso, encubriría a persoa de Pedro Madruga, hipótese na que non semella doado acreditar, mais digna dunha película de aventuras. Tanto ten.

O conto é que Colón descubriu América, porén América xa estaba alí desde sempre, cunha historia propia que os conquistadores non souberon nin quixeron ler. Simplemente, para ben e para mal, para ben ou para mal, lle mudaron o curso.

Portugal, en xeral, Porto e Lisboa, en particular, xa existían, cargados de arte, beleza e pasado-presente, antes de que Iker Casillas ou Madonna os fixesen máis visíbeis nos medios.

Semella que agora vai ser Olivia Newton-John, a protagonista de Grease, actriz británica de vida australiana e residente en California, unha das celebridades que lle dea megafonía á Ribeira Sacra. Disque ten familia por alí, non oriúnda, senón con casa adquirida nesa zona ateigada de atractivos de todo tipo. Seica veu de visita e desfrutou da gastronomía e a paisaxe antes de continuar  rumbo a Newport, en Irlanda, para inaugurar unha exposición dos seus modelos, a beneficio da asociación contra o cancro.

Secasí, a solicitude de que estas terras, luguesas e ourensás, aveciñadas cos canóns do Sil e o Miño, sexan declaradas Patrimonio da Humanidade, é anterior a esta nova e, desde logo, plenamente xustificada de seu. Que máis aval poden pedir que a densidade de igrexas e mosteiros románicos dos que, boa parte,  proclaman a existencia do Mestre Mateo? Pois hai máis: a súa viticultura, heroica a miúdo na extensión duns viñedos pendurados sobre o abismo pola súa verticalidade. Traballo experto, tradición secular, sol apreixado nas pedras dos valados que protexen os socalcos ou bancais, estacións a xirar no ciclo que levará o viño ás copas.

E a gastronomía, a olaría, o trato humano, a beleza do auténtico, do non masificado, do que bebe e dá de beber desde as raíces do tempo sen alterar a vocación da terra.

Precisa, para seguir sendo, promoción. Promoción respectuosa e controlada, dotacións de servizos que non se noten, mais estean. Enchela de autocares dos que se apresuran a baixar viaxeiros e viaxeiras para aliviar urxencias tras das ábsidas dos templos e marcar o territorio cos seus refugallos, é peor que entregala ao esquecemento.

O sábado estiven xantando na adega duns primos, cabo de Santo Estevo de Ribas de Miño. Un pracer de deuses.

Pensei: até cando terán que vir de fóra a descubrirnos a nós a nosa terra?