Opinión

O que non ten límites

O UNIVERSO e a estupidez humana, segundo Einstein, non coñecen límites. Sábese que a súa opinión sobre o primeiro non era, precisamente, a de que non tiña cabo. Daquela, é doado colixir cal identificaba el como única cousa infinda.

Estúpido procede do latín stupidus, que significa atordado, confundido. O sufixo -ez indica calidade. Así que estupidez é a calidade de atordado, confuso. Como ven, a etimoloxía da palabra é bastante máis benigna que o sentido que lle damos hoxe, mesmo facéndoa sinónima da condición de cretino.

Dela, por desgraza, en maior ou menor grao, participamos todas as persoas. Hai estupideces temporais, transitorias, a miúdo ligadas á mala dixestión de algún suceso, por tanto reactivas. E hai estupideces duradeiras, endóxenas, se se me permite seguir co emprego dunha terminoloxía máis acaída para as depresións ou o colesterol. As primeiras, fixo que teñen cura e que case todo o mundo caeu nelas algunha vez. As segundas, depende.

Depende, porque hai quen profesa a estupidez como podería profesar o amor á música, á familia, ou a un club de fútbol. Esta xente coida estar nun búnker, ben segura e defendida nas súas crenzas e querenzas, cando en realidade dá voltas no labirinto que construíu e ao que non tivo o acordo de lle pór saída.

Quen isto ler poderá confeccionar a súa listaxe de estúpidos, tanto de arredor como do ámbito público mundial. Se cadaquén fixese a propia, atoparíamos moitas coincidencias con outras. Talvez figurásemos nalgunha delas. Cambiaría a escala, o nivel de responsabilidade, mais as nosas pequenas porcións de veleno poderían ser as pingas que colmasen o vaso.

Eles fan a guerra, acaso nós tamén. Eles contaminan, pode ser que nós tamén. Eles son reos de racismo, aporofobia, discriminación e outras prácticas inhumanas; quizais nós tamén. Eles e elas viven na estupidez e nós, por acción ou omisión, tamén.

Porén, a cura para a estupidez existe e chámase amor. O problema é que os estúpidos aprópianse da palabra para desposuíla do seu significado máis xenuíno e volvela cursi e banal. E nós, ás veces, tamén.

Amor, amar, é non esquecer nunca que chegamos aquí pola vida e para a vida. Para a nosa e para a de quen vén detrás. A mazá do mundo non pode ser engulida por uns poucos mentres o resto mira. A casa común da terra ten que estar limpa, os epulóns non teñen dereito a alfombrar os cuartos comúns cos seus detritos. Ninguén debe construír a súa torre de poder sobre as caveiras dos mortos nas guerras.

A ver se todos e todas a unha decretamos a fin da estupidez, cando menos, ao noso redor.

Desculpen, semello unha telepredicadora. Hailles días así.

Comentarios