Opinión

O que contan as madalenas

A MÁIS LITERARIA, é a de Proust. Como saben, desencadeou os recordos para a magna obra do francés, ‘Á procura do tempo perdido’. Relátasenos no primeiro tomo da obra, o titulado ‘Polo camiño de Swann’. O autor —asemade a voz narradora—, nun día de friaxe e desánimo, toma a instancias da súa nai un té e unha madalena. Ao facelo sente unha fonda, súbita e inexplicábel alegría de vivir. O mesmo sabor e olor da que lle ofrecera a tía Leónie tempo atrás, produce ese milagre.

As madalenas francesas non son como as nosas, mais iso non impide que sexan metáfora de algo que seguramente todas as persoas temos experimentado: o fluír de lembranzas que segue a unha sensación, sobre todo olfactiva, ás que é allea a vontade de quen as recupera.

A miña madalena de Proust son as mazás reinetas e o arrolo das pombas. Todo o mundo ten algunha, se verdadeiramente se viviu a nenez, esa franxa de tempo que nos acompaña sempre. Porén, pode darse o caso contrario. O poeta Carlos Oroza referíase así a unha antiga parella súa: "Como podía amar a unha muller que non tiña infancia?".

Seica en Dubai —quen sabe a que prezo!— se poden degustar madalenas que levan po ou finas láminas de ouro. Este non sabe a nada, segundo din; mais sobe o valor do produto. O corpo elimínao con facilidade, e incide directamente na fachenda de quen o consome. Tamén na India —na India dos millóns de pobres!— o empregan para adobiar tartas de voda.

Parece ser que se trata dun ouro de poucos quilates, mais moito me parece que, en contra do que se afirma, si ten sabor. 

Sabor a sangue. Sabor a terra, porque iso é co que sacian a súa fame moitos nenos e nenas da Illa dos Negros, en Filipinas. Andan coma cans perdidos sen dono e son albo de malleiras e violacións, tanto na familia coma na rúa. Cóntamo a sempre solidaria Loli Beloso nunha chamada telefónica. Fálame de ‘Kalipay’ (felicidade e ledicia no idioma ‘llonggo’, o maioritario na illa). Explícame a obra de Anna Balcells, filla de catalán e filipina, quen en 2007, tras descubrir a realidade nunha visita ao seu lugar de nacemento, abandonou o seu próspero negocio turístico barcelonés e, con algúns amigos, fixo esta fundación para rescatar a estas coitadas criaturas.

Un gran de area dos que non fan ruído de moedas, senón música de amor á humanidade. Non de ouro, senón de tenrura, ouro do corazón que, posibelmente, nunca posuirá quen come madalenas enriquecidas co metal precioso.

Outras madalenas, consumidas habitualmente en Marrocos, foron boicoteadas por incluíren no envoltorio inocentes frases de amor polo San Valentín. Mágoa. O nocivo non son as palabras, mais pode selo a lambetada.

Comentarios