Opinión

Os que aman atallan o caos

ANDAN A inzar o mundo, como se da propia leira se tratara, coa semente do odio e mais da morte. Son cabalos desbocados aos que ninguén ousa  frear. Chámense Netanyahu ou matrimonio Ortega-Murillo, por poñer só dous exemplos distintos e distantes, teñen en común o desprezo dos máis elementais dereitos humanos. Se brutalmente cruel é o primeiro, valla o pleonasmo, cruelmente brutos son os segundos.

Chegan imaxes dantescas da franxa máis magoada da terra, berros quebrados á beira de todos os abismos. Porén, algúns aínda se coutan á hora de reprobalas porque —chámanlle diplomacia— prefiren situarse ao lado do máis forte.

De Nicaragua, alén dos ecos que recolle a prensa, sei por voz  dunha amiga que ten o corazón entre a xente ‘nica’ e, a máis de 8.000 kms. de distancia, sofre cada noite e cada día a opresión que aló viven cantos e cantas non se axeonllan diante de Rosario Murillo, unha muller perturbada e perturbadoramente maléfica.

Sería doado entregarse ao desánimo, alugarse de por vida á derrota, mais a esperanza, proverbialmente o último que perdemos, preséntasenos con rostros de valentía e grandeza inauditas. A dos homes e mulleres que, sexan israelís ou palestinos,  non se aliñan en máis causa que a da paz e así o manifestan, mesmo con risco de seren rexeitados polos propios. As vítimas son sempre as mesmas: seres humanos que choran e sangran. Os vitimarios, igual: seres (in)humanos que causan dor e morte e, ás veces, tamén morren. Estes, guiados pola lóxica do caos, valla agora un oxímoro, habitan a incoherencia e só nela se moven e son.

É o caso dos mandatarios de Nicaragua. En agosto cumpriu un ano de encerro o bispo Rolando Álvarez, da diocese de Matagalpa. Como se negou a abandonar o país cara a un exilio forzoso, acúsano de traizón á patria. Seica sería maior lealdade abandonala xunto coas xentes que se senten fortalecidas pola súa resistencia.

Hai uns días, nas igrexas de Lugo onde non llelo impediron, algunhas persoas deixaron fotografías do preso para demandar o apoio dos bispos   que se ían reunir en Roma. Malia todo, o monseñor segue na cadea. Aínda así, fica o amor dos que reclaman xustiza e liberdade.

"Non, a forza do noso amor non pode ser inutle", dixo por nós e para nós Novoneyra. O clamor de quen non cansa de saír a se manifestar en contra do xenocidio e o terror, veñan de onde veñan, non pode ser inútil. A resistencia de quen se opón a calquera xeito de ditadura ou vulneración de dereitos, tampouco pode ser inútil.

Non hai outro camiño, sempre foi e será así, o Nobel Vicente Aleixandre formulou o dilema: "A destrución ou o amor".

Comentarios