Opinión

Preguntas para Pepe

Non é difícil comprender a Pepe, entre outras razóns porque os pensamentos profundos non o ocupan nin preocupan. Claro que é moi posíbel que descoñeza que nada é máis filosófico que o pan de cada día, cousa que xa falaron entre si dous insignes équidos: Rocinante, o cabalo de don Quixote, e Babieca, o do Cid Campeador. Ao soneto en que Cervantes os fai dialogar me remito para subliñar un verso en que Babieca lle di a Rocinante: ‘Metafísico estáis’, e este responde: ‘Es que no como’.

O pan é a gran metonimia das cousas de vivir e estas, certamente, non rematan no bandullo.

Pepe exprésase, sobre todo, con tópicos e iso tamén aforra moitas explicacións. Ben se sabe que aos tópicos, frases feitas, tautoloxías ou lugares comúns, chégase a forza de repetición de ideas e pensamentos, a miúdo falaces,  que se van instalando nas mentes ‘mediopensantes’, as das masas, por sinal. Sentadas as mentiras, o traballo está feito por adiantado. Aforro os exemplos.

Así que, por uns ou outros motivos, Pepe vence e convence. Convencer, o que é convencer, só convence aos queren estar convencidos. Vencer, véncenos ‘daquela maneira’ a todas e todos os que, moi ao noso pesar, somos vítimas de Pepe-Terminator que, como ben saben, na nosa lingua quere dicir Pepe-Exterminador. 

Pepe extermina todo o que lle recorde quen é porque o seu soño está nun lugar etéreo, nunha entelequia onde reinan o pailanismo e o desclasamento, alén das raíces, alén da lealdade máis elemental ao propio ser. No fondo, Pepe é un ninguén aínda que se considere o rei do mambo. 

Pepe endexamais me responderá, mais eu voulle facer algunhas preguntas retóricas. Quen isto ler, se cadra, ten algo que dicir.

Dime, Pepe, séntese o mesmo ao gañar coas cartas marcadas ou o pracer é outro se se xoga nas mesmas condicións que os contrincantes? Ah, comprendo, non o sabes porque nunca te viches na segunda das tesituras. 

Fálame das túas noites de casino, a apostar cantidades inxentes na ruleta, coa desaprehensión de quen xoga un capital que non lle pertence, de quen, para utilizar unha expresión moi vella, ‘dispara con pólvora do rei’. A pólvora do rei da que dispós para mercar vontades e opinións é nosa, de toda a xente, aquela á que prexudicas  ou beneficias segundo a túa sacrosanta vontade, desde unha conduta, como pouco, cualificábel de amoral.

Porque si, Pepe, ti es amoral como demostra o feito de que cambies os teus principios a discreción, segundo o texto e o contexto, para que todo encaixe no relato da túa megalomanía mal disimulada. 

Sabes, Pepe, o que é a xustiza poética? Gusto máis de falar dela que de que a cada porquiño lle chega o seu San Martiño.

Comentarios