martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Porcas nais que aleitan

NO SEU POEMA Credo, do libro Longa Noite de Pedra, Celso Emilio Ferreiro dicía que nunca podería crer que houbese persoas capaces de ler os xornais sen sentiren tremer de noxo as vísceras

O 5 de xullo de 2013 publiquei aquí un artigo titulado Terroristas. O motivo era o escándalo e subseguinte presenza policial nun restaurante neoiorquino, por mor de estar aleitando o neno a muller dun funcionario da delegación belga na ONU. Ademais de instala a realizar o labor no aseo, xustificaron a chamada ás forzas da orde coa sospeita de que fosen terroristas por levaren mochila.

A interpretación errónea das normas, sumada ao exceso de celo do vixiante dunha piscina pública coruñesa, produciu un episodio similar hai poucos días. (Non consideraron terroristas aos pais da criatura; mais, como sigamos así, alimentando paranoias, todo se andará). Tamén foi convidada a nai a se dirixir aos vestiarios para atender a crianza. O asunto solucionouse ao acudiren á directora e determinar esta a non pertinencia da actuación do subalterno; porén, algúns comentarios en internet producen o efecto que describe o poeta de Celanova: dan noxo.

Como poden equiparar a lactación ao acto de defecar? Que ten de antihixiénica a máis natural e primeira demanda da bebé ou do bebé? Quen pode ver unha provocación sexual no xesto de descubrir o peito coa finalidade de acalmar o neno? En todo caso, rara é a muller que non ten a precaución de levar un pano ou chal para se protexer de olladas alleas.

Os detractores desta práctica sono, sen dúbida, desde unha óptica misóxina. É moi posíbel que quen escribe tales lindezas non teña reparo en deter o auto na beiravía e verter augas (como dirían os nosos avós) á vista de quen circula pola estrada, sen sequera poñerse de costas.

En canto á suposta exhibición da anatomía feminina, venme á memoria un artigo dun autor xa falecido, ben machista por certo, a se dirixir ao bispo de Madrid con estas palabras: "Don Obispo (sic), ¿no sabe Ilustrísima que no hai nada menos erótico que el trasero de una señora al inyectarla?". Aludía á prohibición que o prelado lle fixera a un crego de exercer como enfermeiro, ATS daquela. Efectivamente, hai que ter unha mente moi reprimida para non distinguir as perspectivas desde as que se pode ver un mesmo obxecto.

Ter un fillo e educalo é un servizo á sociedade. Compatibilizar a súa crianza cos traballos de pai e nai, difícil se non hai axuda. É, por tanto, de xustiza facilitarlles as cousas.

Doutra banda, dar o peito é san para a nai e o naipelo, económico e, por tanto, ecolóxico. E, sobre todo, unha fermosa canle de agarimo e sosego.

Porcas nais que aleitan
Comentarios