Opinión

Poder contra amor

En todos os ámbitos, seguramente sen excepción, a teoría e a praxe abalan dun a outro extremo, coma un péndulo en continuo movemento. Para controlalo, sería importante detectar cal é a forza que o atrae desde cada un dos lados. Incluso as persoas non católicas verán influída a súa existencia por unha institución que, no fondo ou na superficie, para ben ou para mal, continúa a ter moito peso. 

Adóitanse encadrar os conflitos da Igrexa Católica nun confronto entre posturas conservadoras e ópticas progresistas. Se cadra é o mesmo; mais coido que, á fin, todo se reduce a un combate do poder contra o amor. A vontade de poder nada dun complexo de inferioridade (ou de inseguridade, atrévome a dicir), unha desorde que dá en neurose, como explicou o psiquiatra Alfred Adler. Simplificando: soberbia e anatemas fronte a humildade e comprensión.

Os detractores do Papa Francisco, que non son poucos, acúsano de comunista, liberal e mesmo herexe. O seu ‘pecado’ é falar dos pobres, as inxustizas, as guerras, as migracións e o cambio climático. E tamén non facer ouvidos xordos nin ter ollos cegos verbo da pederastia que tanto dano ten feito. A isto chámano meterse en política. Seica non o é querer impoñer as propias crenzas sobre as decisións democráticas dos pobos. Por suposto que nada din do seu morno compromiso co feminismo.

Quen opta polo boato e a existencia cómoda, instalado en vivendas de luxo, séntese cuestionado por quen elixe a sinxeleza e a austeridade. Os que se constitúen en xuíces implacábeis dos razoamentos, sentimentos e accións dos outros, ven un perigo en quen non quere xulgar e, en todo caso, apela á misericordia. 

Certamente, sempre existen matices e non é cousa de definir nós cal é a ortodoxia. Porén, a propia obsesión por ela, pola recta doutrina, xa é un síntoma. O leitmotiv do Evanxeo é outro, o amor ao próximo que resume todos os demais mandamentos. Francisco sábeo, por iso o seu pontificado non xira arredor de elucubracións nin debates sobre asuntos tan etéreos como pode ser o sexo dos anxos, senón sobre o pan de cada día, esa metáfora da dignidade humana. 

Non debe ser casual que, entre os maiores maldicentes do Papa, se atopen moitas e moitos políticos conservadores. Tampouco o é que estes equiparen a demanda de medidas sociais ao comunismo. Convenlles  confundir e demonizar para seguiren exercendo o seu poder económico e ideolóxico sobre os máis febles. 

Coñecen aquela canción de Atahualpa Yupanqui titulada «Preguntitas sobre Dios»? Con Franco estaba prohibida. Lóxico, poñía o dedo na ferida, porque era a denuncia da aliaxe da riqueza e o poder coa fe farisaica, a da podremia encuberta. 

Comentarios