Opinión

Paxaros criados en gaiolas

Hai xa ben anos fun dar unha charla por mor do 8 de marzo a unha vila costeira da Coruña. O salón de actos estaba cheo, sobre todo de mulleres, mais tamén había un número non desprezábel de homes. Sentín que me escoitaban con atención e quedei satisfeita. Secasí, pronto veu o demo coa rebaixa. Á saída, ouvín como unha señora lle dicía ao home: "Gustoume o que dixo; pero eu non son feminista". 

Deixando á parte as valoracións da miña achega, que en todo caso non me corresponden a min, unha cousa era certa: non conseguira limpar de connotacións negativas a palabra que, segundo a RAG, significa persoa que practica o feminismo e feminismo, doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller. 

Estes días proliferaron en todos os medios mensaxes diversas. Dunha banda, as que se ateñen á pura denotación do termo. Doutra, consignas non exentas de agresividade contra as primeiras, acusándoas de transfobia, por teren, disque, unha ollada binaria sobre o xénero (masculino-feminino), cando hai persoas que non se recoñecen en ningún deles. O tema require máis matices, porén é outra hoxe a cuestión. Por último, choveron as descualificacións desta loita polo que simplemente son dereitos humanos.

Máis unha vez viñéronme á memoria unhas palabras de Jodorowsky: "Os paxaros criados en gaiolas pensan que voar é unha doenza". Sen dúbida, con elas fica definida a falta de liberdade. Non nos atrevemos a voar e, o que aínda é peor, xulgamos que o voo doutras persoas, neste caso as mulleres, é algo enfermizo, contra natura, por saírmos do marco que nos marcaron uns e asumiron bastantes sen protestar.

A maioría de nós nacemos en gaiolas. Moitas rompemos os barrotes, mesmo estrelándonos contra eles. Mais resístense a quebrar ou, o que dá máis medo, os seus axentes repóñenos e pretenden volver encerrarnos nelas. Lean as declaracións de bispos ou políticos e políticas ultraconservadores e constatarán que é así.

Hai 27 anos que a Igrexa anglicana ordenou a primeira muller sacerdote, Libby Lane, casada e nai de dous fillos. Vinte despois, ascendeu á orde episcopal. Na católica móvense pequenas cousas para que todo siga igual. Mesmo hai quen nos quere facer crer que é de dereito divino e non eclesiástico este veto ás mulleres. De novo, a gaiola. A do medo que lles teñen aos reaccionarios os que non o son.

A liberdade -coa vida- é o principal dereito humano. Sen feminismo, nin homes nin mulleres sucaremos o ar da existencia. As cadeas pesan e non deixan bater as ás. Nalgunha parte de nós teñen que estar gravadas as instrucións para romper cadeas. Cómpre unha vida enteira para atopalas.

Comentarios