Opinión

Pasolini xa o adiantara

A PIQUES estiven de titular isto dun xeito bastante tópico: "Pasolini que estás nos ceos". O poeta e cineasta italiano, comunista, católico e homosexual, asasinado en 1975, molestaba a diversos sectores e, malia cargar co morto un rapaz apelidado Pelosi, que botou por iso moitos anos no cárcere, todo apunta a que foi unha conxura política como denunciou, entre outros, a xornalista Oriana Fallaci.

Pier Paolo Pasolini, home polémico e mesmo contraditorio, era, sobre todas as cousas un buscador da verdade ou, cando menos, das verdades en que fraccionamos as persoas a verdade absoluta que sempre se nos nega. Nesta procura adiantou moitas das cousas que nos están a suceder.

"A televisión é un medio de masas. E os medios de masas soamente nos poden converter en mercadoría e alienarnos", afirmou. Após corenta anos ben cumpridos da súa morte, ninguén que pense en por si, poderá refutar o cumprimento de tal afirmación. Para mellor comprender, convén recordar como define o sociólogo francés Gustave Le Bon a masa: "Unha agrupación humana caracterizada pola perda de control racional, maior suxestionabilidade, contaxio emocional, imitación, sentimento de omnipotencia e anonimato para o individuo".

A que vén esta cita e a lembranza de Pasolini? A expresar o meu temor de que nos comportemos como masa e, acriticamente, votemos a aqueles que teñan maior presenza televisiva. "O pobo é quen máis ordena", di a canción. Mais a masa non fai pobo porque non está cohesionada, é caótica, e só se move a impulsos inducidos desde fóra. Trátase, xa que logo, de que non fagan de nós mercadoría e nos troquen por abelorios e outras quincallas, isto é, por falsas promesas.

Dous días despois da súa morte, Pasolini ía pronunciar un discurso diante do Partido Radical. Ao tratarse do seu derradeiro texto, converteuse nun testamento político. Nel podemos ver o que eran preocupacións recorrentes na súa vida e obra: A homologación cultural, o cambio na natureza das persoas por obra do uso e abuso indiscriminado dos medios de comunicación e o consumismo exasperado e exasperante.

Pasolini pedía unha alteridade, un outro xeito de concibir a existencia fronte ao que vía como cambio irreversíbel da humanidade. E clamaba contra os intelectuais acomodados, entregados á fe progresista e situados á marxe dos problemas sociais, na esteira de Julien Benda (‘La Trahison des clercs’, 1927), quen entendía a actividade intelectual afastada das cousas temporais, nomeadamente a política.

Hai once anos que traducín aquel discurso para unha revista. Se daquela me pareceu profético, hoxe moito máis. Este mundo dá medo.

Comentarios