Opinión

Pasando a rapadoira

A PALABRA rapadoira, ademais de dar nome á magnífica praia de Foz, designa, segundo o dicionario da RAG un pau, xeralmente curto e cilíndrico, que se usa para rasar medidas quitando o cugulo, é dicir, a parte do contido sólido dun recipiente que sobresae dos seus bordos. É o que en castelán se chama ‘rasero’, presente no coñecido dito ‘no se puede medir a todos por el mismo rasero’, o que equivale a dicir que a rigorosa igualdade non é xusta. (Por certo, e perdoen a anécdota, sei dun pai que no Consello Escolar dun instituto da Coruña, no que todos se expresaban en galego menos el, declarou serio e contundente: "no se puede medir a todos por el mismo trasero"). 

É moi propio dos gobernos aplicar normas e leis sen teren en conta a especificidade dos diversos territorios do Estado. Así, nunha época, construíronse aquelas escolas de paredes delgadas, no baixo a aula e no piso a vivenda da ou do ensinante, moi frías para certos lugares, tórridas para outros, todas iguais como se tamén o fosen os varios climas da Península.

É moi proio dos gobernos aplicar normas e leis sen teren en conta a especificidade dos diversos territorios do Estado

Outro tanto está a acontecer coas tabernas e pequenos establecementos das aldeas. Pagan por módulos e, como autónomos, a Seguridade Social e outras taxas. Non dan ganancias, senón perdas, porque apenas queda xente para facer gasto. Porén, son lugares de encontro, algo así como centros sociais que serven para atopárense os superviventes do despoboamento, os que resisten nun xeito de vida que morre. Quen lexisla sen coñecer esta realidade, está contribuíndo á desfeita. Deberan estar exentos de impostos, ou mesmo subvencionados, porque, na súa medida, son un servizo á comunidade e axudan a fixar a pouca poboación que queda e que, de ter que se desprazar quilómetros para mercar un litro de aceite, se poden, trasladarán a residencia á vila máis próxima. 

A realidade dolorosa –dicímo non hai moito unha rapaza na Ribeira Sacra– é que nos prohiben producir consonte os usos tradicionais e non temos acceso aos novos porque xogamos noutra liga que non é a do Capital, é a de quen eliximos vivir no campo malia todo. 

En moitos países tanto ou máis desenvolvidos que o noso, convive sen problema coa produción intensiva a vella práctica de vender directamente os pequenos excedentes da agricultura de subsistencia, exentos de impostos. Trátase de que a xente sobreviva e non de lle cortar a respiración aos que alentan con máis dificultade. Claro que, dun país onde se paga polo sol que alimenta as placas solares, tan ecolóxicas e recomendábeis, custa esperar a sensibilidade necesaria para entender estas cousas. Figurarán nos programas dos partidos que en poucos días nos pedirán o voto? Están a tempo.

Comentarios