Opinión

Para o optimismo

É obvio que vivimos tempos convulsos. Das guerras e conflitos instalados no que Calderón bautizara como gran teatro do mundo, pasando polos feminicidios que non cesan e que este mesmo autor chegou a xustificar nos seus dramas como cura da honra mancada, até a incerteza política (aínda que, se cadra, esta se asemella ás dores dun parto, gratificados co nacemento dunha criatura nova), todo nos convida ao pesimismo neste ano que de novo non ten máis que unha cifra. 

Porén, non deberíamos deixarnos seducir polo máis improdutivo e paralizante dos sentimentos. Porque, se tal como escribiu o poeta libanés Kahlil Gibran, «O optimista ve da rosa a rosa e o pesimista só ve a espiña», podemos estar renunciando a ese milagre de cor e aroma por medo a espiñarnos. Tal a rosa, así a vida. E, para abundar nesta idea, unha estrofa dunha canción de Juan Silvestre que interpreta María Salgado: «Una vida más tarde comprenderemos/que la vida perdimos solo por miedo». 

Cómpre, xa que logo, lanzármonos á conquista do optimismo, desbotar o medo, porque á fin, á marxe da nosa tendencia natural a un ou outro estado de ánimo, ambos son unha actitude fronte ao que acontece e podemos modificala en boa parte. Unha actitude aberta á alegría posibilitará que vexamos todo o bo que hai cabo de nós e tamén máis lonxe. 

Non lembro agora en que novela xuvenil aparecía un xornal que só daba noticias positivas. Moi ben para a ficción, mais a realidade non é esa, a rosa ten pétalos e ten espiñas. Aínda así, non sería mala idea instaurar unha sección cotiá de boas novas nos diarios, porque habelas hainas. Deberase a escasa presenza destas a que somos algo masoquistas e preferimos ler desgrazas? Será que o mal fai máis ruído que as cousas boas e por iso o percibimos mellor?

Poucas noticias me aledan tanto como saber de xente nova que acode desinteresadamente a remediar, na medida que lle é posíbel, as calamidades que adoitamos ver ou ler comodamente sentados nas nosas casas ben caldeadas. Hoxe a razón do meu optimismo apelídase Oliveira e foi alumno meu no instituto de Guitiriz. Sei que acaba de marchar como voluntario a un campamento de refuxiados. E Bea, antiga alumna tamén, cuxo exercicio de solidariedade a trae e leva dunhas a outras fronteiras. E María, unha moza endocrinóloga nun hospital francés, que gasta as vacacións exercendo a medicina en países subdesenvolvidos. E tantas e tantos que non coñezo persoalmente, mais sei que están e terman da vida aquí e aló. Loados sexan e que a sorte os acompañe sempre. Mercé a eles e tamén a quen cumpre honradamente co simple deber de cada día, podemos, malia todo, acreditar na especie humana.

Comentarios