Opinión

Palabra e pedra solta

Os refráns, esas frases feitas que encerran unha ensinanza tirada da experiencia, non sempre son aproveitábeis porque non sempre teñen a altura ética a que debemos aspirar. "Desconfía e acertarás" podía ser un exemplo disto, ao que se adoita replicar desde instancias máis nobres: "Non desconfíes, aínda que te equivoques".

Claro que, no seu conxunto, forman un corpus de consellos prácticos para a vida, entendida esta como supervivencia, non como o camiño de perfección que ocupaba á Santa de Ávila.

Aquel de "Palabra e pedra solta non teñen volta", que nos advertía da irreversibilidade dos propios xuízos feitos públicos, do mal que poden ocasionar unha vez emitidos, da calumnia ou da difamación e tamén, sen ir tan lonxe, da incontinencia verbal, vaime servir hoxe para me referir a creacións literarias e similares, feitas públicas polos seus autores ou autoras.

O bispo Munilla tivo a ocorrencia de manipular unha viñeta do gran Forges para atacar a Axenda 2030. A orixinal representa o sinal de tráfico que indica prohibición e nel o rostro dun home pensativo. Ao lado, un policía se dirixe ao mesmo pensador de corpo enteiro, ao que multa mentres lle di: "Vaya, vaya... pensando ¿verdad?". A manipulada inclúe, ademais, o logotipo da Axenda 2030 e vai precedida dun diálogo: "—¿Practica usted algún deporte de riesgo? —Sí, yo pienso".

A familia do humorista cualifica a mensaxe de fraudulenta porque ataca as ideas que o autor, nado en Madrid, de pai fonsagradino e nai catalá, defendeu explicitamente nas súas viñetas mentres viviu.

Doutra banda, non se entende que un cristián —suponse que Munilla o é— rexeite un proxecto que ten como horizonte a saúde da terra e, con ela, a das persoas.

Porén, o meu propósito nesta colaboración é expresar a tristeza que me producen outras manipulacións que se están producindo este ano verbo da vida e obra dunha autora que Galiza debe coñecer tal como é, non como as persoas que teñen poder legal de decidir sobre ela nos queren facer ver.

Secasí, como palabra e pedra solta non teñen volta, a palabra da amentada escritora fará o seu camiño, tan libre como ela a emitiu, se non lle poñen pexas. Outra cousa é que, por intereses de dubidosa condición, lle pechen as canles que a autora escollera no seu día. Comprendan que, por razóns obvias, non sexa máis explícita.

Mentres, por se vale de algo, contaremos a verdade onde for posíbel e, xunto coa dela, defenderemos a memoria dos que a quixeron e valoraron de verdade. Quen andamos por aquí xa nos valemos por nós.

Remato con outros refráns: "A verdade aclárase soa". Se non é de todo certo, haberá que lle axudar porque, "quen cala, outorga".

Comentarios