Opinión

Pactando con lobos

ESTE VENRES CELÉBRASE o Día Mundial dos Animais. Fixouse esta data porque é asemade o día de San Francisco de Asís (1182-1226) quen, como é sabido, consideraba irmás a todas as criaturas, tanto ás que respiraban, como ás inertes: irmán Sol, irmá auga, irmáns peixes, ou, nos derradeiros días da súa vida, referíndose ao propio corpo ao que lle pide desculpas por telo tratado tan mal, irmán asno. 

Foi un home apaixonado, fillo dun rico comerciante, gastou a primeira xuventude en orxías de alcohol, luxo e mulleres. En 1202 vai ao cárcere tras a derrota na guerra que enfrontou Asis con Perugia, á que acudiu como voluntario en busca de gloria. Gravemente enfermo, o pai pagou o seu rescate en 1204 e, en 1205, parte de novo á guerra. Camiño de Apulia escoitou na noite unha voz que lle aconsellaba regresar a Asís. 

A partir de aquí, podemos pensar nun louco, nun santo, nun santo louco ou no carácter sobrenatural dos feitos. Do que non poderemos dubidar é do radical amor a Deus de Francisco nas persoas dos pobres e enfermos, nomeadamente os leprosos malia a repulsión que lle provocaban. El mesmo se converte en ambas cousas, irmandado tamén coa pobreza e as doenzas. 

Unha boa biografía do Santo pode ser unha lectura sumamente interesante, tanto para crentes como para agnósticos. Chesterton escribiu unha en 1923, pero hai máis porque o personaxe é fascinante. 

Neste momento de cambio climático, considerar a nosa conexión fraternal con todo o que existe, é o principio básico para rectificar a historia destrutora que protagonizamos. 

Hai un episodio ben coñecido da súa vida que o conecta con San Froilán (Lugo 832-León 904), cuxa festividade se celebra este sábado: Ambos os dous pactaron con lobos. 

No caso do de Asís, co lobo de Gubbio que atormentaba á cidade de Perugia, engulipando animais e persoas. O santo, pola noite, sáelle ao encontro e comínao en nome de Deus a deter a súa actividade predadora. Os habitantes da cidade deixaranlle comida todos os días. Os psicanalistas establecen unha serie de significacións que non podo reflectir aquí agora. 

Pola súa parte, segundo a lenda, o santo lugués nunha das súas viaxes, mentres rezaba, foi sorprendido por un lobo que lle comeu o burro. Mirouno e o lobo mostrouse manso mentres Froilán lle falaba de amor e paz. Para que reparase o dano feito, cargoulle as alforxas sobre o lombo e, desde aquela, o animal camiñou sempre a par del portando as súas exiguas pertenzas. 

O máis difícil, á hora –esta– de salvar a terra, será amansar o lobo do consumismo e os intereses do gran capital. Terá que pandar coa súa vítima principal, a terra: nós.