Opinión

Os outros nenos perdidos

Debería existir un País de Nunca Xamais, un refuxio para os nenos perdidos como no relato de Peter Pan. Porén, os contos, tal o que acabo de citar, son máis compasivos que a realidade.

Os nenos perdidos non son anxos, como non o son tampouco os fillos e fillas de quen isto ler: Son nenos, con toda a súa inxenuidade, con todos os seus medos, a súa rabia e tamén con toda a súa rebeldía, filla de experiencias traumáticas e da necesidade de sobrevivir.

Segundo Unicef, en 2015, 96.500 menores non acompañados solicitaron asilo político en Europa. Ningún deles ía vestido de raposiño nin de oso. Tampouco de coello, mofeta ou mapache como no relato de J.M. Barrie. Os personaxes reais, por moito que se intenten camuflar, delátanse polo alento. O dos Menas (menores non acompañados) cheira a incerteza, temor e mundo inxusto. O da xente xenófoba que se nega a acollelos e que mesmo os ataca, ten o peor dos cheirores, o da inhumanidade adobiada de prudencia e patriotismo.

Para alén de que houbo quen lanzou unha granada de man, non sei o que en verdade aconteceu no centro de menores de Primeira Acollida de Hortaleza. Grande-Marlaska bótalle a culpa a Vox por sementar odio aos refuxiados. Medios de ultradereita din que foi obra dun marroquí. A granada sería de fabricación española segundo uns e rusa segundo os outros. Á fin, semella que os que menos importan son os prexudicados e o único que prima é tirar tallada da confrontación a custa deles.

Os adultos e adultas tamén andamos bastante perdidos. A moitos e moitas quédanos no subconsciente a lembranza de estarmos extraviados nun tempo ignoto, dentro dun país inhospitalario. Esta lembranza regresa nos pesadelos e, pola mañá, ao espertamos, dubidamos de se aconteceu ou non; en todo caso, máis amábel que a que pode ter quen por un motivo ou outro se viu obrigado a deixar a propia terra.

Abonda con ter memoria de nós. Deixando á parte a inxente cantidade de exiliados por mor da ditadura franquista, quen non coñeceu ou soubo de alguén que emigrara por razóns económicas? Os galegos e galegas tamén fomos moi pobres. A realidade retratada por Rosalía de Castro en Prá Habana seguiu vixente durante moitos anos.

Onte mesmo me relataba unha amiga a odisea dos seus avós en Cuba. Seica el achou traballo a cortar cana de azucre en Camagüey, mentres que ela ficou na Habana, de ama de cría. Por non teren xeito de se comunicar, perdéronse e botaron tres anos buscándose. Regresaron en 1917 por estar ela de novo grávida e querer que a criatura fose galega. Na travesía naceu unha nena que puideron inscribir tras uns trámites complicados.

Como lles arrebataron anos despois o ouro que gañaran con tanto esforzo, é outra historia.

Comentarios