jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Outro paraíso perdido

COA LICENZA de John Milton (1608-1674), que escribiu Paradise Lost (Paraíso perdido) unha das obras cimeiras da literatura universal e a máis importante da épica en lingua inglesa, arredor do episodio que narra o Xénese: Adán e mais Eva a desbaratar o plan inicial de Deus pola tentación do Demo, expulsados do Edén, mais cunha fin esperanzada.

Co meu respecto aos creacionistas que fan unha lectura literal deste capítulo, lonxe da interpretación alegórica á que me adhiro.

Coa complicidade de cantos e cantas lembran a nenez como ese reino marabilloso ao que nunca se regresa (Hölderling laiábase de non poder facelo máis que en soños) ou se regresa sempre (Ana María Matute dicía que é máis longa que a vida).

Coa certeza de que a infancia non é ningún paraíso, senón a fonte de case todas as melancolías.

Co coñecemento empírico de que, o que é neste mundo, non existen os lugares e estados perfectos, aínda que algúns se lles acheguen bastante.

Con todas esas precaucións, digo, quero contarlles a última (agardo que non sexa a derradeira) das miñas perdas.

Non podo situar na lembranza a primeira ilustración do Edén bíblico. Talvez unha fotografía do sexto fresco de Miguel Anxo na Capela Sixtina. A gran serpe que se enrosca na Árbore da Sabedoría a me recordar as voltas e figuras retorcidas da glicinia centenaria que cobre a pérgola do Parque de Rosalía de Castro en Lugo. Ou, se cadra, se a memoria non me traizoa, os trazos elementais dunha enciclopedia escolar onde apenas aparecían a árbore, a bicha coa mazá entre os dentes e a mítica primeira parella tapando as súas partes pudendas coas mans.

Un día coidei que dera co auténtico paraíso terreal. Foi na primavera de 1964. A pasear por Mondariz, entramos nos xardíns do Gran Hotel. Pillei o pasmo diante da explosión de beleza vexetal que me rodeaba. Non a describirei: o pasmo non ten palabras.

Moitos anos despois, volvín varias veces. Aínda tras o incendio, o xardín seguía sendo moi fermoso. Porén, a pasada fin de semana levei a gran decepción. Nada fica daquel esplendor. Sectores privados porque forman parte da propiedade de apartamentos en que deveu o hotel que coñeceu tantos días de gloria. As plantas que foron expían non se sabe que culpa, convertidas en ánimas na memoria de quen isto escribe.

Malia todo, a vila segue a ser turbadora desde a beleza da súa pedra e da voz da auga que conta e canta o seu destino.

A lei que prevé a expropiación de edificios ruinosos seguramente terá algo que facer por alí. Será máis doado que recuperar aquel xardín coas súas cores e os seus recendos.

Outro paraíso perdido
Comentarios