Opinión

Outra vez o Gaiás

QUE O EDIFICIO do Gaiás ía envellecer moi mal, xa o prognosticaran expertos na materia. O que non nos dixeron foi que o controvertido froito dunha megalomanía (e se cadra algo máis) ía ter vellez tan prematura. Suponse que unha obra carísima, ademais de estar blindada como semella contra unha investigación rigorosa que nos explique as decisións tomadas e os desfases nos custos, debería estalo tamén contra as inclemencias meteorolóxicas do monte santiagués no que se asenta.

Pois si, está a suceder: setenta mil pedras, disque, terán que ser revisadas porque corren perigo de dar no chan. Non sei se se trata das que chegaron do Brasil, das que, extraídas nunha canteira do Xistral, arrasaron parte dunha paraxe protexida, ou de ambas procedencias. O que si se publicou e supoño que estará contrastado é que as autóctonas foran contratadas un ano antes de saír a concurso o subministro. E sei tamén que algunhas destas cousas andaron polos xulgados, mais descoñezo o desenlace.

Escribín en moitas ocasións sobre este tema, a primeira cando a magna obra non era máis que un proxecto e, se volvo, é porque me estraña que persoas que naquel momento non deron chío, agora se pronuncien como se sempre se tivesen oposto á construción da Cidade da Cultura. Ninguén se lembra dos paus que de Tirios e Troianos recibiu a daquela portavoz de cultura polo Bloque no Parlamento de Galicia. Así se escribe a historia, mais as hemerotecas existen para algo.

Falta fará que, como anunciou o presidente da Xunta, esta desfeita non nos custe un euro aos galegos e galegas. Di que terán que responder as empresas construtoras. Paréceme xusto porque nós xa pagamos abondo cando os que nos gobernaban gastaron por riba das nosas posibilidades.

Eran tempos en que circulaban os euros coma a auga polo Miño en días de enchente e, comportándose como un novo rico, o conselleiro de Cultura considerou que o mellor era o que viña de máis lonxe e tiña maior tamaño. Para el os pailáns non estabamos en condicións de comprender o deconstrutivismo de Eisemann, o autor do proxecto, un artista sen dúbida; pero lonxe do que precisaba este país, por outra parte rico en bos arquitectos.

Porén, a Cidade da Cultura está aí e agora o que nos debe preocupar é que non nos caia enriba e á fin resulte útil. Hai que ser positivos aínda que non nos sexa doado cando vemos que, aos moitos monumentos que están en perigo de ruína, se suma este mastodóntico edificio ao que, máis pronto que tarde, lle caducarán as garantías e teremos que mantelo nós en pé. E, convén non esquecelo porque á vista está, a súa resistencia non ten nada a ver cos castros ou as igrexas románicas.

Comentarios