miércoles. 20.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 20.11.2019
El tiempo

Os veráns daquel señor

NON FALTABAN moitos anos para que aquel home que apenas podía cos pantalóns (mais si coa pluma para asinar sentenzas de morte), viaxase ao val das sombras. Era pola tarde e saïamos dun pub que había cabo da gasolineira do Corgo, destino habitual de quen gustabamos de pasear o Seiscentos, coma quen pasea o can, ignorantes daquela do noso contributo ao cambio climático.

Eran os primeiros setenta, xa que logo, e a garda civil, sen dar explicación, impediu que nos incorporásemos á N-VI. Alí agardamos, non recordo canto tempo, uns metros máis atrás da beiravía, até que unha longa comitiva de autos negros pasou á velocidade dun meteorito. Daquela comprendemos. O ditador dirixíase ao ‘seu’ pazo de Meirás para pasar o verán e camuflar (ou exhibir, segundo os casos) axentes da orde pública en cada recuncho dos seus itinerarios. Á fin todo o país era a súa finca.

Tampouco se movía sen protección a súa dona, a dos ollos cobizosos, a das mercas que, na práctica, deviñan en expropiacións forzosas porque as facturas que ordenaba remitir ao palacio de El Pardo se perdían polas canles dunha burocracia que, a miúdo, non levaba a ningures. A ambición era dela, os calotes non sempre. Rodeada de lambecús (e perdoen a expresión, mais dicir aduladores non abonda), eran os gobernadores, presidentes de deputacións e outros cargos semellantes os que se comprometían a un pagamento que rara vez realizaban. Á fin os seus cargos estaban directamente ligados ao capricho do xeneral(ísimo por propia decisión) e os seus lacaios.

Da seguridade de tan ‘insigne’ familia ocupárase, coido que até 1956, a chamada ‘guardia mora’. Quen quixer, ten doado informarse dos abusos e impunidade duns homes afeitos a actuar antes de pensar. Referíndonos a eses anos, sei de primeira man o que acontecía en Sada cando a ‘entrañábel familia’ (véxase a prensa da época) decidía mollar algo máis que as canelas nas augas daquela praia da ría de Betanzos. Por razóns de seguridade, precisaban todo o areal para o baño. Desaloxalo da presencia molesta da xente que alí se recreaba, era algo visto e non visto. Unha camioneta esparexía os militares marroquís e, ao tempo que os seus peculiares uniformes perturbaban o ar, as súas ordes imperativas baleiraban a ribeira. Os meniños abandonaban chorando os castelos a medio construír e, xuro que non o invento, se se demoraban, mesmo eran arrastrados pola piroliña (non coido necesario outro termo) para desaloxar o espazo.

Con estes recordos no maxín, sen dúbida parte do universo simbólico dos herdeiros de Franco, non é doado que recoñezan que están a desfrutar da inxustiza e o ladroízo. Cuestión de memoria.

Os veráns daquel señor