Opinión

Os outros papeis

NON SEI como acabará o asunto dos papeis de Panamá. Sospeito que os milleiros de persoas que ocultaban as súas fortunas en paraísos fiscais por medio de sociedades ‘offshore’ ofrecerán explicacións diversas e obterán resultados ben diferentes. Non hai que esquecer que pertencen a máis de 200 países, polo tanto con normativas fiscais variadas. Non sei como acabará o asunto; pero por aquí estes papeis, tal os de Bárcenas e outros semellantes, voltexarán un tempo como gaivotas sobre as nosas cabezas e perderanse despois no horizonte para pousar ‘ad aeternum’ nas administracións encargadas de xulgar as fraudes. E outros papeis virán.

O termo inglés ‘offshore’, como saben, significa ‘no mar, afastado da costa’ ‘alén mar’ e úsase neste caso para referirse ás xa amentadas sociedades deslocalizadas.

Que teñen ou tiveron en común a maioría das persoas que se acolleron aos servizos do gabinete panameño de avogados Mossak - Fonseca, o encargado de lles procurar eses paraísos fiscais aos defraudadores? Xustamente o que indica o cualificativo con que os designei: defraudar, furtarlle á Facenda do propio país os impostos correspondentes e, se cadra nalgúns casos, o branqueo de capitais obtidos mediante o delito.


Virán outros papeis e non é doado que sexan tantos como os de Panamá, a maior filtración da historia, seica


Virán outros papeis e non é doado que sexan tantos como os de Panamá, a maior filtración de documentos da historia, seica. Aplicaranse os enxeñeiros da fraude a deseñar novos camiños para a evasión e, na outra banda, investigadores e xornalistas seguirán a exhumar os nomes da ambición, o motor de case todos os males. Á fin isto forma parte do propio xogo do sistema. Porén, a maior parte da humanidade seguirá agardando por outros papeis, eses que nunca se filtran porque non existen ou que, se están en parte escritos, só se cumpren onde se cumpren se non prexudican aos poderosos.

Nalgures terán que se escribir os documentos que decreten a fin da pobreza, a guerra, a violencia de todo tipo, a pena de morte, o racismo, os integrismos, a homofobia, a misoxinia, a contaminación do planeta e todos os males que, cunha maior conciencia solidaria, se poderían erradicar ou, cando menos, paliar en boa parte.(Decataranse os protagonistas deste escándalo de cales son os efectos das súas actuacións? Saberán canto dano fan e canto ben evitan? Prefiro pensar que non, mais desexo que o peso da lei llelo recorde).

E, entre todos os posíbeis papeis, urxe reivindicar máis unha vez os que precisan as persoas que buscan refuxio, atrapadas entre dous fogos, o da guerra no seu país de orixe e a do rexeitamento nesta vella Europa tan desmemoriada como egoísta. Son papeis de xustiza porque o primeiro dos dereitos universais é o da vida.

Comentarios