Opinión

Orgullo e barullo

OS QUE aseguran que non ten que haber un día do orgullo ‘gay’ xa que, pola mesma regra de tres, tería que se celebrar o día do orgullo heterosexual, non entenderon nada e nada saben da proporcionalidade e, polo tanto, da amentada regra matemática. Digan, se non, que proporción directa existe entre a burla, a marxinación, o maltrato, a idea de anormalidade e a única opción amorosa considerada natural e lexítima. E xa non falemos dos castigos carcerarios, dos lategazos ou mesmo da pena de morte, vixentes aínda en moitos países.

Chámenlle orgullo, visibilidade ou Venres, coma o personaxe de ‘Robinson Crusoe’, porque perversión, inversión, ‘mariposeo’, ‘julandreo’, ‘bujarreo’ e outras lindezas igualmente vexatorias, xa llas dedicaron antes. Chámenlle respecto, aceptación ou recoñecemento de que a diferenza é algo normal. Chámenlle dereito humano.

Porén, coido que entre o orgullo se filtra moito barullo e, ben se sabe, o barullo é unha mestura de ruídos que non deixan oír a mensaxe principal.

Non nos debería molestar a festa, a ledicia, a transgresión e mesmo un certo inevitábel mal gusto por parte dalgunhas persoas. Mais hai transgresións que son moito máis que iso. Refírome a actos que coliden coas crenzas e feren a sensibilidade de moitos cidadáns e cidadás que tamén teñen dereitos.

É un delito o exhibicionismo? Eu entendo que si. Daquela, como non intervén a Policía, ou o propio servizo de orde da organización, cando un personaxe en porrancho amaga sodomizar a escultura do oso que, xunto co ‘madroño’ (albedro), constitúe o emblema de Madrid? Sucedeu na última celebración na capital do reino.

Para un cristián ou cristiá -hai máis dos que pensan é ofensiva por blasfema a imaxe de homes caracterizados de Cristo, coroas de espiñas incluídas, en actitudes impropias. Tamén sucedeu na conmemoración de hai poucos días.

Algunha actuación pódese cargar na conta do consumo de alcohol e outras substancias. As caracterizacións ás que me referín requiren unha preparación previa, non son, polo tanto, fillas dun momento louco. Talvez pretendan replicar as declaracións de certos predicadores que, lonxe do que ensina o Papa Francisco, que non quere xulgar, pronuncian diatribas e lanzan anatemas promovendo así a homofobia.

Son explicacións, mais non xustifican o acontecido. O respecto só se consegue respectando. Aínda que sexan uns poucos os que actúan tan bastamente, danan aos que en ningún momento perden as boas maneiras e saben que a liberdade é outra cousa.

Gustaríame rematar este artigo cunhas palabras do actor Morgan Freeman: «Odio a palabra homofobia. Non é unha fobia. Vostede non ten medo, vostede é un imbécil».

Comentarios