Opinión

O primeiro é o primeiro

RECORDO, de cando era nena, un xogo lingüístico que consiste en recitar: "De la Habana ha llegado un barco cargado de..." e a continuación dise a letra coa que debe empezar a suposta carga ou, noutra variante, a definición do campo semántico ao que deben pertencer os obxectos transportados, por exemplo, froitas ou animais.

Agora, da Habana, chegan poucas cousas. Talvez o xogo debería ser: "Da China chegou un barco cargado de...", e todo o mundo pensaría en cacharros de plástico, ferramentas diversas, tecnoloxía múltiple, roupa, xoguetes e outros produtos de dubidosa calidade. Mais da China, en barco ou en avión, polo ar ou polo vento, chegou a Dryocosmus Kuriphilus, ou sexa, a avespa ou avespiña dos castiñeiros. É, xa que logo, asiática como a velutina; porén, a diferenza desta, non implica perigo para as persoas.

Chegou a Galiza en xuño de 2014 e ten unha clara intención de ficar se non se atalla debidamente. O único remedio eficaz é biolóxico. Consiste nun parasito, o Torymus sinensis, que a depreda. Aínda así, lin nalgures que este ano soamente se ía empregar a metade do presupostado inicialmente para a campaña. Como descoñezo o motivo, quero pensar que non é económico, senón o feito de non contar coa cantidade de parasitos precisa. Con todo, hai cousas que semellan imposíbeis que hai que facer posíbeis porque inciden na vida.

Certo que, de momento, non periga a vida dos castiñeiros, mais disque a produción baixa nun 80%. En todo caso, é letal para un mundo que se nega a desaparecer grazas a catro resistentes, mais reciben (o rural e os resistentes) labazadas por toda a parte.

Vexo, no meu Val do Mao do Incio (toda Galiza está afectada), os castiñeiros patrucios e mais os novos coas súas follas avultadas polo becho. Vexo tamén as candeas loitando por devir en ourizos, esas caixas de sorpresa que gardan o seu tesouro con espiñas e, por veces, se abren de seu e agasallan cos seus destelos. Véxoos —digo— e, no caso dos centenarios, penso na cantidade de xeracións que sobreviviron mercé ao seu froito.

As castañas, antes da implantación das patacas (non por casualidade tamén foron coñecidas aquí co nome das primeiras), serviron de enlace nas exiguas reservas dos pobres, entre o esgotamento dunha colleita de centeo e a chegada da seguinte. Como é sabido, secas, tamén chamadas maiolas ou mamotas, conservábanse todo o ano.

O primeiro é o primeiro. Aínda que a alimentación básica actual non pouse nas castañas, este sector move, ben repartidos en economías case sempre de subsistencia, varios millóns cada ano. Non podemos permitir que tamén nos deixen desangrar por esta ferida.

Comentarios