Opinión

O prezo da dignidade

''PORQUE NADA hai oculto que non chegue a ser manifesto, nin segredo que non chegue a ser coñecido e saia á luz'' (Lucas, 8, 17), cousas se han saber a non tardar moito que, cando menos, producirán bochas a quen teña un mínimo de sensibilidade, mesmo estándomos afeitas a ver como para algúns a política non é cuestión de principios, senón de filias e fobias difíciles de disimular.

Non disimula Esperanza Aguirre o seu temor a diluírse como unha pedra de azucre no ‘Ahora Madrid’ dunha Manuela Carmena que deveu Manzanares de esperanza, e ten o atrevemento de lle ofrecer un pacto ao PSOE, a envolver o caramelo envelenado en maldades sobre a outrora xuíza. Fíxoo na campaña e ségueo a facer tamén despois, a converter en cómplice de Eta a quen algún día estivo na súa diana.

Menos disimulan aínda outros candidatos e candidatas ao longo e ancho do noso país, máis inimigos que rivais no seu momento e quizais tamén agora, que tras perderen están dispostos a unirse para a vinganza. Talvez sexa máis ben esta, e non a política, como afirmara Churchill, quen fai estraños compañeiros de cama.

O que unhas persoas maquinen e a resposta que obteñan doutras, dará a súa verdadeira dimensión que, nalgún caso, non sorprende porque, quen non sabe gañar, dificilmente sabe perder. Que o programa dun goberno sexa desfacer cousas obxectivamente boas do anterior, ademais de ter un custo político, cousa que é de xustiza poética, debería terlles un custo económico aos seus executores. E xa non digamos as mentiras e as calumnias que, dona Esperanza e outros seica non o saben, adoitan ter efecto búmerang.

Na miña memoria democrática desfilan, coma tristes fantasmas, nomes de tránsfugas que nunca serán outra cousa que iso, traidores e traidoras a quen lles deu a súa confianza. Poderían facer cartos e carreira política, mais non haberá auga que lave a mancha da indignidade. O tempo escribirá a súa historia no libro dos desleais.

Hai, pola contra, persoas traballadoras e fieis que non se venden nin se alugan. Entregan, do mesmo xeito que un panadeiro o pan morno, o seu traballo diario para que o mundo vaia a mellor. A miúdo non se lles recoñece o esforzo e mesmo se sospeita da súa gratuidade. Con frecuencia reciben multas por manifestárense, a ser tratados peor que aos que se lucran do seu cargo. As urnas, en moitos casos, énchense máis co ruído que coas noces. Porén, seguen na loita como os imprescindíbeis de que falara Bertolt Brecht.

Brindo por estas persoas e por todas as demais que lidaron limpamente por un espazo de decisión nos concellos galegos. O meu desprezo para as outras.

Comentarios