Opinión

O mellor que existe

PASARON 52 anos desde que, estando en Salamanca, me tiven que travestir para facer o papel do protagonista dunha comedia dos irmáns Álvarez Quintero, Mañana de sol. Tocárame ser o vello que, sentado nun banco dun xardín, prendía o fío cunha coetánea á que lle acababa lendo poemas de Ramón de Campoamor. Á final hai unha anagnórise, xa que se recoñecen e recordan que foran mozos no pasado.

O anterior é para explicar por que, con frecuencia, me veñen á mente uns versos do autor das Doloras e Humoradas que tiven que memorizar daquela. Doutro xeito, nunca o faría. Cadraba lonxe dos meus gustos o prosaísmo da súa poesía realista. Eran estes: "Las hijas de las madres que amé tanto / me besan ya como se besa a un santo". E estoutros: "Todo en amor es triste /mas, triste y todo,/ es lo mejor que existe".

Non sei se foron as palabras de Winston Churchill as que me recordaron os últimos versos de Campoamor que veño de citar ou se, pola contra, foron os versos os que me lembraron o aserto do estadista británico: "A democracia é o peor sistema de goberno deseñado polo home, excepto todos os demais".

Nada me causa máis temor que o pensamento totalitario, sexa do tipo que sexa. Porén, non son tan inxenua como para pensar que a democracia é unha criatura perfecta. Case todas as obras humanas son flutuantes e inacabadas e, neste caso, as pedras do edificio múltiples e diversas fan que isto aconteza en maior medida.

O acaecido nos USA, o paradoxal país que quere "paz en casa e guerra fóra", debe servirnos de alerta para que saibamos, se cheira a queimado, que o lume non anda lonxe. Mais, a semellanza do machismo, só o percibe quen está educado ou educada na igualdade. En ambos casos hai que practicar a tolerancia cero.

A miúdo culpamos aos pousos da ditadura das actitudes antidemocráticas. Seguramente non erramos. Secasí, hai moito máis. Semella que cadaquén temos unha vea ditatorial e quereríamos que todo o mundo pensase coma nós. O quid da cuestión é distinguir o ouro do ouropel, o auténtico do falsificado. Como?

A máxima evanxélica ben pode ser a resposta: "Coñecerédelos polos seus froitos".

Un pensamento que xere odio, rancor, violencia, desigualdade, misoxinia, xenofobia, racismo, engano e moitas outras cousas que se movan no campo semántico do mal, non ten lexitimidade. Pola contra, no ben habitan a paz, a verdade, o amor, a empatía e todo o que estes valores constrúen.

Descoñezo o que garda o futuro para ese pobo que se considera amo da Terra. En todo caso, fago votos para que endexamais o ideario do mundo sexa o Evanxeo segundo Donald Trump e os seus devotos. Certamente, a democracia é outra cousa.

Comentarios