Opinión

O desamparo de mandar

NON FALO das persoas que tendo grandes responsabilidades se ven obrigadas a tomar decisións soas. Sobre iso ‘O Príncipe’ de Nicolás Maquiavelo é abondo ilustrativo. Eu o que quero é reparar noutros príncipes e princesas, tal como adoitan chamarlles aos fillos algúns dos seus proxenitores, se cadra cunha linguaxe ben delatora.

Son varias escenas observadas nunha piscina as que provocan este artigo, aínda que xa me teño referido á falta de educación de moitos nenos e nenas, máis patente nos espazos públicos.

Imaxinan vostedes a unha destas ‘sublimes’ criaturas dándolle patadas nas canelas e cuspíndolle á monitora de natación e á nai que, impotente, trata de impedilo?

Busquen, por favor, un adxectivo para esta outra secuencia: Un neno entra co pai no gardarroupa. Óese primeiro a voz do cativo a lle berrar: "Que mierda de trabajo tienes". O pai non responde, se cadra sentíndose culpábel por non poder dar satisfacción a todos os caprichos do fillo. E segue calado cando, ao saíren, o ‘adorábel ’rapaciño malla nel con pés e mans como se fose un saco de boxeo.

Escoiten a unha nai que, para responder a unha proposta do máis intranscendente, di: "Agarda, que lle vou preguntar ao meu pequeno".

Se isto acontece á vista de toda a xente, que sucederá na intimidade? Non é difícil imaxinalo. As condutas non se improvisan, son fillas case sempre de hábitos creados por condutas anteriores. A moitos nenos consúltaselles todo (comida, roupa, ocio, estudos) e non se lles impón nada.

Danme mágoa estas nais e pais maltratados, pero tamén sinto pena por estas personiñas que, de seguiren así, nunca chegarán a persoas. Como non saben distinguir nas relacións cos demais, non se pode dar a imprescindíbel humanización e estruturación da personalidade. É doado ver en comportamentos crueis, como o que tiveron certos mozos e mozas despois da Festa da Carballeira, individuos inmaturos. O alcohol non xustifica a falta de empatía, a imposibilidade de se poñer no lugar do outro.

As nenas e nenos que non coñecen e recoñecen outra autoridade que os propios desexos, son nenos desamparados e, daquela, infelices. Pola contra, séntense seguros cando asumen, por razoárllelas no posíbel, as normas dos adultos.

Tense dito que para educar unha criatura cómpre a tribo enteira. O concepto de tribo colide coa globalización e o tipo de vida da nosa sociedade. Agora a tribo sería a suma de familia, colexio, amizades, televisión e pouco máis. O indiscutíbel é que todo empeza na familia e que, cando esta dimite do seu deber de educar, non hai alicerces nin columnas e cae a casa. Entre os cascallos, fican feridos sociedade e futuro.

Comentarios