Opinión

O cabalo do malo

Coñecerán o dito: "É máis lento que o cabalo do malo". Como saben, fai  referencia ao que adoita acontecer nas películas do Oeste, nas que a velocidade de cadanseu cabalo acostuma favorecer o bo do filme e prexudicar o ruín. Porén, no caso que me preocupa, o corcel do personaxe indesexábel galopa con máis forza.

Non é o meu propósito definir bos e malos, a facer das miñas ideas o código ético de todo o mundo, cal xuíza implacábel. Así que non vou condenar persoas, senón feitos, malia que estes teñan autoría. 

Cando todas as alarmas verbo da saúde da terra acenden as luces vermellas e fan soar as sirenas, non se entende que os gobernos lles dean largas ás medidas que os expertos propoñen para atallar no posíbel a desfeita.

O glifosato, ese produto tan socorrido en aras de matar as malas herbas, posto no mercado por Monsanto (agora, da alemá Bayer), é altamente tóxico e contaminante. Mesmo se lle atribúen propiedades canceríxenas, concretamente ligadas ao linfoma no-Hodgkin. Está prohibido en varios países, total ou parcialmente. Mais son moitos os que se acollen a moratorias, seguramente para non ocasionar perdas aos que o teñen en depósito. 

O certo é que, a partir de decembro do 2022, non se permitirá a súa venda na Unión Europea: sete anos despois de que se producira a alerta por parte da OMS. E si, tamén cómpre dicilo, hai bastantes localidades no Estado Español que xa non o usan. Aquí, alén dalgúns concellos da Costa da Morte que non o botan en espazos públicos, séguese abusando destes auténticos velenos na agricultura e limpeza de espazos vexetais comúns. O Defensor del Pueblo chamoulles a atención ao goberno, aos concellos e á  Xunta por tal desatino.

Non deixa de ser un paradoxo que, agora que hai tanta maquinaria para tirar a broza das cunetas, collamos por un atallo que nos leva directamente ao desastre. Todo por aforrar cartos. Toma xestión! Esquécese que o mantemento do medio e patrimonio é un xeito básico de activar a economía. 

Referinme ao glifosato; mais son tantas e tan brutais as actuacións que se levan a cabo de costas ao equilibrio ecolóxico, que alguén debería responder delas. Se xogar co capital alleo é malversación, moito máis o ten que ser o feito de permitir que a casa común se esboroe. Hai decisións que non poden estar exclusivamente en mans dos gobernantes. Estes teñen a obriga de escoitaren aos especialistas de cada ámbito.

Non nos digan que todo o mundo é culpábel por igual da ruína da terra. A sociedade de consumo é filla do Capital. O Capital deosta o ecoloxismo porque ve nel un freo. Hai cabalos que non queren rédeas, senón esporas, a correr cara ao abismo. Detéñanos.

Comentarios