Opinión

Nunca o saberemos

ESTÁ BEN documentado -non é, xa que logo, unha sospeita- que Rosalía de Castro quixo borrar as pegadas dos camiños que desembocaron nun considerábel número dos seus poemas. Refírome a poemas que, de coñecermos certas peripecias íntimas da súa vida, remitiríannos a elas.

Porén, deixando á parte os que poñen o foco na xente que sofre inxustizas e pobreza, no país ao que ama, condenado a non ser, Rosalía confésase e, malia as que teñen sido cualificadas como manobras de distracción, podemos intuír unha mente en continuo debate co propio pensamento e desexos que lle din unha cousa, e as normas que lle din o contrario.

Mais hoxe, 24 de febreiro, cando pasaron 180 anos do seu nacemento, a incógnita segue viva e facémonos preguntas verbo da súa biografía secreta.

De quen eran e que había nas cartas que mandou queimar antes de morrer? Que textos persoais desbotou do mesmo xeito? Nunca o saberemos.

Non é o máis indicado comportármonos como detectives, a pescudar entre as palabras da autora as súas vísceras, mais estas aínda tremen naquelas coa humanidade que as fai tan grandes.

A partir do congreso rosaliano que se celebrou en Santiago de Compostela o ano 1985, no cento cincuenta aniversario da morte da escritora, foron moitas as persoas que se subiron ao seu carro porque comezaron a enxergar a súa magnitude. Algunhas delas antes, hai que dicilo, mesmo facían certa mofa de quen declaraba a súa adhesión a Rosalía.

Quen queira datos verificados e críticas lúcidas, acuda aos profesores Aurora López e Andrés Pociña (Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra. Laiovento. Santiago 2000), beba na obra Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editada pola ASPG, que vén ser unha edición aumentada da súa tese, editada tamén pola ASPG, titulada ‘Análise sociolóxica de Rosalía de Castro’, verdadeiro fito nos estudos rosalianos, achéguese a autoras como Katheleen March ou María Pilar García Negro, entre outras.

Casualmente son dos ensaístas menos citados pola oficialidade cultural, malia practicar esta con eles unha auténtica depredación e/ou citalos para mal, descontextualizados, con afán de descualificar.

Gustaríame que algún dos considerados especialistas en Rosalía tivese a honradez de recoñecer erros na análise da obra e vida da autora, tal como fixo Claude Poullain, membro no tribunal que xulgou a amentada tese de Francisco Rodríguez. O francés, experto na obra da autora de ‘Follas Novas’, declarou que, tras a súa lectura, el tiña que modificar certas teses.

Claro que tamén ocultan o maxisterio de Carvalho Calero, unha das persoas que mellor soubo ler e valorar a obra de Rosalía.

Comentarios