lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Nostálxicos da Inquisisión

En 1826 xa non existía a Inquisición do Santo Oficio ou Santa Inquisición (o adxectivo pertinente sería criminosa ou asasina); mais ao solsonense Cayetano Ripoll, que exercía de mestre en Valencia, executárono naquela cidade por herexe, ao non crer nos dogmas da Igrexa católica e declaralo el así. Foi a derradeira sentenza por este motivo e hai hoxe 194 anos que se cumpriu.

A Inquisición en España (retirémoslle dunha vez o de santa) foi abolida por Napoleón nos territorios afrancesados, en 1808. En 1813 as Cortes de Cádiz eliminárona tamén no ámbito de dominio español. Fernando VII, cando volveu ao trono en 1814, recuperouna. Funcionou até a rebelión de Riego en 1820, data en que se aboliu de novo. Tras o Trienio Liberal e coa restauración do absolutismo, Fernando VII permitiu as chamadas ‘Juntas de Fe’, nome baixo o que, de feito, sobrevivía tan nefasta institución. A morte de Cayetano Ripoll foi un escándalo a nivel europeo, máis aínda así o rei mantivo o Santo Oficio até o seu pasamento. En 1834, inicio da rexencia de María Cristina na minoría de idade de Isabel II, un goberno liberal moderado presidido por Francisco de la Rosa, declarou suprimido definitivamente o Tribunal da Inquisición.

Entre outras cousas, servira para xulgar por bruxas a curandeiras e mulleres independentes, acusadas de teren tratos co demo. Malia todo, aínda habendo casos tremendos, aquí na Galiza a persecución non foi tan encarnizada como noutras zonas da Península.

A Igrexa pediu perdón por estes crimes, mais segue a haber nostálxicos da fe a paus.

Convén lembrar estas cousas para entender o presente e evitar que se produzan no futuro. Porque, acaso se diferencian en algo os crimes da Inquisición e moitas das execucións extraxudiciais ou as presuntamente legais, perpetradas co paraugas da guerra do 36 e o réxime que esta impuxo? Non perciben nalgunha formación política reminiscencias destas teocracias nas que os sectores máis reaccionarios ditan as normas da moral pública?

As ‘Juntas de Fe’, promovidas por bispos nostálxicos da Inquisicion, actuaban coa complicidade dos poderes públicos. As causas que promovían comezaban, como con aquel tribunal, coa incautación dos bens do suposto ou suposta herexe. Seguen, xa que logo, os paralelismos coa guerra que capitaneou Franco.

Coma min, son moitas as persoas que recordarán que, para traballar na administración, tiveron que presentar un certificado de boa conduta expedido polo cura da súa parroquia, ademais doutro da policía ou garda civil. Non abondaba cun bo comportamento cívico, era preciso acreditar a pertenza activa ao credo católico.

Nunca máis a barbarie!

Nostálxicos da Inquisisión
Comentarios