lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

Non son ninguén. E vostedes?

Xa o sospeitaba; mais, dun tempo a esta parte, non teño a máis mínima dúbida: non son ninguén. O Balbino de Memorias dun neno labrego, o libro de Neira Vilas, primeiro supervendas galego, declarábase un ninguén, e iso non é o mesmo. Ser un ninguén é ser alguén sen poder de ningún tipo. Ser ninguén é non existir.

Non me posúe o nihilismo nin moito menos. Simplemente quero facer unha brincadeira reflexiva a conta da actualidade. O programa de espionaxe Pegasus, de fabricación israelí, non me entrou no móbil, cal cabalo de Troia, para abesullar nos meus segredos. Seica se dedica soamente á caza maior (independentistas, responsábeis de gobernos, xornalistas, avogados...). Xa que logo, é lóxico que non reparara en min, que nin a pombo chego. Mais iso non impide que, no fondo, me sinta ofendida por carecer de interese para ese ollo de cobertura universal que imaxinou Orwell na súa novela distópica 1984.

Porén, o anterior é válido para a miña individualidade, mais non para a miña existencia como parte constituínte desa masa (informe, porque así nos ven e así nos tratan) que constitúe a inmensa maioría da poboación. Sen maior interese polos nosos nomes, sen se preocuparen demasiado polos nosos movementos, rescatan o único que lles resulta aproveitábel de nós: a capacidade de consumir. 

Supoño que ninguén dubidará desa vixilancia continua a que someten as nosas pescudas en internet, cando constatamos como nos bombardean durante moito tempo con propaganda relativa aos produtos polos que nos interesamos. Así que a espionaxe tamén nos atinxe.

Non nos debería preocupar. Ou si, se ao facéreno soamente descobren os nosos desexos de cousas materiais, a cativeza dos nosos soños.

Houbo un filósofo e poeta do primeiro romanticismo , Novalis o seu pseudónimo, que tivo unha vida moi breve (1772-1801). Pertencía a unha familia oriúnda da Baixa Saxonia, de ilustre prosapia. Estudou Dereito, mais dedicouse á minería. Este home buscaba unha fermosa flor azul que só vía en soños. Tan potente símbolo habíase converter nunha especie de leitmotiv do romanticismo alemán. 

A flor azul é o sentido da vida, o coñecemento da natureza e de nós como parte dela, acaso a utopía cara á que camiña quen acredita na posibilidade doutro mundo. En consecuencia, o ollo do Irmán Maior orwelliano endexamais poderá albiscala.

"Hoxe xa sei que todo nos espía, que nada pasa inadvertido e que mesmo o papel pintado das paredes ten mellor memoria que os homes". Isto lle fixo dicir Günter Grass ao personaxe de O tambor de latón, novela de 1959. E agora? Repetiría a súa pregunta John le Carré: "Quen pode espiar os espías?"

Non son ninguén. E vostedes?
Comentarios