Opinión

Entre o si e o non, dona Prudencia

As reaccións diante dos cambios son sempre diversas. Xa se sabe que de ensino, medicina, arquitectura, fútbol  e algunhas cousas máis, aquí entendemos todas e todos. O desprezo polos estudos e pola experiencia de calquera profesional, sexa cal for o seu prestixio, garda proporción coa ignorancia de quen non se couta á hora de emitir un xuízo. 

En moitos casos e casas, dona Prudencia é unha señora mal mantida, caquéctica para maior exactitude, é dicir, en estado de extrema debilidade. Sucede así porque non lle damos os alimentos que precisa, a saber: ecuanimidade, coñecemento das propias limitacións, vontade de non errar e, consonte o dito no primeiro parágrafo, respecto polo saber e experiencia das persoas encargadas de emitir un veredicto sobre o tema. Porén, adoitamos alimentala con doses masivas de píldoras cuxo principal compoñente é a visceralidade.

Vén todo este preámbulo a tergo da anunciada prohibición do uso de móbiles nos colexios. Por suposto que todo o mundo ten dereito a opinar; mais facelo desde posturas maximalistas, nunha ou outra dirección,  con argumentos parciais, é ousadía abonda. Que o faga así calquera pai, nai ou seareiro, ten un pasar. Que o faga alguén que ostenta un posto influínte, por moito que sexa un sabio na propia profesión, non ten desculpa. 

O tema é complexo como para non  liquidalo asegurando que "esta prohibición é un retroceso que converterá os rapaces en analfabetos dixitais" ou "esta é unha medida a favor dos educadores, non dos educandos". As afirmacións anteriores, ao lado doutras ben asisadas, como as de que "o problema non é o aparato, senón o uso que se fai del" ou "o que temos que facer todos nós, familias e sistema educativo, é educar os nenos, non illalos das tecnoloxías", póñense ao servizo dun si rotundo ao teléfono nas aulas.

Porén, velaí as dúbidas ás que me gustaría que respondese o representante das ANPAs, quen fixo, entre outras,  esas declaracións nunha entrevista: A partir de que idade deben dispor de móbil os nenos e nenas todo o día e en todas partes? A alfabetización dixital só se pode levar a cabo utilizando este aparello a hora e a deshora? Non sería máis pertinente facerlle un espazo en determinadas actividades e non ter ao profesorado en loita desigual e continua con outros usos espurios?  

Á fin, o quid da cuestión é se procuramos seres humanos ou cyborgs,  sistemas home (ou muller)-máquina ou homes e mulleres que usan as máquinas. Sen un intercambio  de humanidade, o híbrido está asegurado.  

Mais... escoitemos a quen sabe de neuroloxía, de educación  e de socioloxía: a quen sabe de persoas. 

Comentarios