Opinión

Non é culpa dos deuses

Se senten a tentación de me chamar heterodoxa ou politeísta ao leren o título desta columna, fágano; mais equivócanse.  Débese, en todo caso, a Homero quen, na ‘Odisea’, a pon en boca de Zeus: "Ai, ai, como culpan os mortais aos deuses! Porque de nós din que proceden todos os males. Mais tamén eles pola súa estupidez aturan dores máis aló do que lles corresponde".

A pouco que reflexionemos, temos que concluír que boa parte das cousas que decidimos son as que se volven contra nós e, antes ou despois, nos pasan factura. O que sucede é que nos axuda ao descargo da propia conciencia endosala na conta de elementos exteriores, fatais, fóra do noso control. 

Coma min, nestes últimos anos, pensarían máis dunha vez: "Que loucura, en que mans está o pandeiro!" Non se comprende que países democráticos, de grande peso na política mundial, estean rexidos por descerebrados ou persoas de facultades moi diminuídas. Certo que o primeiro é o máis grave; porén o segundo non se explica facilmente. É que non hai reposto posíbel ou é que a certos poderes lles conveñen personaxes así, fantoches que perpetren políticas nefastas, afastadas da xente e achegadas ao capital, ese deus cruel e —esta vez si— culpábel?

O paradoxo é que foron elixidos, votados, pola xente. Daquela, o número de desasisados e desasisadas é moi superior ao que poderíamos supoñer. Ou, se cadra, somos vítimas da propia ignorancia e mala información. Claro que, de ambas, somos culpábeis nós. Cando non imos alén dos tópicos circulantes con que nos martelan os ouvidos nin verificamos a información interesada que nos chega, somos terreo aboado para o engano e a manipulación. 
Mentres en período electoral estea aberta a veda para mentir ou servirse de medias verdades sen responder perante ningún xuíz, non será doado votar libremente. 

Porén, hai un xeito bastante fiábel de distinguir o trigo das malas herbas. É a aplicación daquel proverbial dito coñecido: "Polas súas obras os coñeceredes". Cantas destas son a prol da maioría e non dos de sempre? Onde brillan pola súa ausencia as medidas tendentes a solucionar os grandes problemas que nos preocupan? Cantos, desde o seu suposto servizo á comunidade, pasaron a integrar as elites económicas?

Se pensan que me refiro a grupos concretos, vostedes saberán por que. Se coidan que todos son iguais, teñan por certo que farán moi felices a quen se escudan niso para non responder de si mesmos. 

En todo caso, do que aconteza o día 18, díxoo Homero, os deuses non teñen a culpa. Témola nós por aturar dores que non nos corresponden. Os que traten de aliviárnolas, eses serán os nosos. Deus nos libre do masoquismo.

Comentarios