Opinión

No horto de Ronsard

Este venres cómprense 434 anos do falecemento de Pierre de Ronsard, o chamado príncipe dos poetas e poeta dos Príncipes de Francia. Antonio Machado, no 'Retrato' ao que, por certo, non lle cadraría mal o título de Autorretrato, recoñece dun xeito ben explícito a súa influencia: "Adoro la hermosura y en la moderna estética / corté las viejas rosas del huerto de Ronsard".

De igual xeito Ronsard, aínda que tamén cunha estética propia, fora influído polos modelos clásicos, nomeadamente Píndaro, Anacreonte e Petrarca. A súa orixinalidade colocouno á cabeza dos poetas da Pléiade, grupo que propugnaba a poesía como servizo á beleza e que se propuña, asemade, darlle ao idioma francés a categoría dun idioma culto, tal como faría séculos máis tarde Eduardo Pondal co galego ("Déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro").

Á fin, cada poeta engarza o seu elo nesa cadea que é a historia da literatura; mais hainos repetidos, tan miméticos, que non a fan medrar. E tamén os hai tan supostamente orixinais, que son incapaces de se declararen herdeiros da tradición. Seica escriben como se acabasen de chegar ao mundo, Evas e Adáns a comezar a súa propia serie de aros.

Mais o meu propósito é agarrarme ao fío de Ronsard polo seu aniversario e porque estamos a 27 de decembro para constatar, máis unha vez, que o tempo foxe. Foxe, Carmen Conde diría, "como un río lentísimo de fuego", nun potente oxímoro. O escritor francés, cun reiterado recurso á fugacidade das rosas, une amor, tempo e beleza nun trinomio imposíbel.

Digo imposíbel porque para o poeta o amor é inspirado pola beleza e, daquela, morre cando esta se esfuma, o que é cousa de pouco tempo: "Cres que ha durarche a primavera?/ Pasará! Pasará cal languidece / no xardín efémera a rosa. / Non volverá a xuventude áxil! / Colle ávida o pracer que ela che ofrece, / non morras sen amares, linda nena".

Malia todo, o autor enxerga que, alén da rosa, tamén existe a sempreviva, de longa duración, ese outro xeito de amor que se chama amizade: "Para que así, de século en século sobreviva / a perfecta amizade que Ronsard che profesa / (...) / este venres envíoche o meu amor con esta sempreviva".

Noutro poema que ben puido influír nun de Yeats, máis fermoso, titulado Cando sexas vella, Ronsard faille o retrato da senectude futura á muller desexada para rematar, máis unha vez, co consello do Carpe diem: "Vive agora, non agardes a que chegue o mañá, /colle este venres mesmo as rosas que che ofrece a vida".

Porén, as rosas non nos valen como metáfora ás persoas que acreditamos con Quevedo no amor constante alén da morte. A area do reloxo que mide o noso tempo non pode caer no baleiro. Tanta loita pola vida non ha ser inútil.

Comentarios