Opinión

No escenario da cidade

SE A MEMORIA non me traizoa, é a terceira vez que escribo neste mesmo lugar sobre o Arde Lucus (2010 e 2013). Sempre me dá moito que pensar unha festa que, evidentemente, pode ser mirada desde ángulos ben distintos, mais o éxito da súa convocatoria ninguén o poñerá en dúbida.

Unha ollada severa, receosa, case amarga, pode non albiscar máis que un magno botellón na febre castrexo-romana que posúe os habitantes de Lugo e a outras xentes vidas de lonxe. É difícil que, pasadas as horas, non haxa mostras de que algúns e algunhas superaron o grao etílico tolerábel. Porén, unha inmensa maioría mantense sobria ou, aínda que cunha chispiña sospeitosa nos ollos, nos parámetros da normalidade, que veñen ser os de non lle faltar a ninguén, falar claro e camiñar dereito.

A hostalaría, ese sector maioritario en Galiza mesmo sendo de peso relativo no noso produto interior bruto, agradece moito esta sacudida, tan necesaria para romper a inercia. Tamén trae unha reactivación aos pequenos negocios de tecidos e complementos, así como un aumento de traballo ás persoas que se dedican á confección de indumentaria.

Hai quen ve certo gregarismo na obediencia á consigna de se caracterizar -que non disfrazarse, segundo aclarou a actriz Marga Portomeñe na miña presenza- de antiga ou antigo habitante da Lucus bimilenaria. ''Que mandadiños somos'', escoiteille a alguén do século XXI ao ver o numeroso desfile de romanos e romanas.

Son obviedades as miñas consideracións verbo da activación económica dalgúns sectores que, non habendo como non hai grandes prexuízos, xustificaría xa de seu o Arde Lucus, mais non explicaría o seu éxito. O éxito, estou certa, vén do feito de se converter a cidade nun inmenso escenario. Un inmenso escenario no que nenos e grandes desenvolven unha actividade con elementos do xogo dramático e das representacións parateatrais. Ao seren todos por igual actores e espectadores, non hai medo ao fracaso, senón participación colectiva e alegría comunal.

Aínda sen pedir grande rigor histórico e sen converter algo puramente lúdico nun simposio sobre a romanidade, poderíanse deseñar algunhas actividades encamiñadas a un coñecemento máis ilustrado para quen así o desexar. E, dito todo o anterior, confesarei que me abafan as aglomeracións e que apenas camiñei unha hora entre a algareira multitude. Salferiume a súa alegría e comprendín que o ‘panem et circenses’ é perfectamente compatíbel coa reivindicación doutros dereitos máis fondos, sobre todo cando os ‘circenses’ (xogos de circo) os facemos nós mesmos. Sexan, xa que logo, unha aprendizaxe para unírmonos en empresas maiores.

Comentarios