Opinión

Negacionistas de que?

Fai  unha recopilación dos problemas actuáis tratándoos desde a perspectiva dos discrepantes

Neste momento, cando falamos de negacionistas, adoitamos pensar nos que negan a existencia da covid-19, esa doenza producida polo coronavirus SARS-CoV-2, nomes ambos escoitados até o fastío ao longo destes meses. É evidente que a doenza existe porque vemos os seus efectos, por desgraza mortais ás veces. As explicacións destas persoas son tan simples que, aínda que semelle un paradoxo, resultan abstrusas, difíciles de comprender.

Talvez non reparan en que, ao facelo, están menosprezando, alén das vítimas, o gran esforzo de investigadores e investigadoras, ademais de todo o colectivo de persoas que traballan no eido da sanidade.

Negan, xa que logo, a doenza, as vacinas e calquera outro medio de prevención. Negan o dereito dos demais a non seren contaxiados. Negan a intelixencia dos outros nun exercicio de soberbia non disimulada.

Non nos ten que estrañar porque, malia todo o que se sabe, aínda hai quen segue considerando que a terra é plana, coma un grande prato, que o sol xira arredor dela e que Adán e mais Eva, esas metáforas da condición terreal da especie que evolucionou até o "homo sapiens", foron en realidade modelados por Deus, o grande alfareme, nunha interpretación literal da Biblia.

Estas persoas fano a causa dunha relixión mal entendida, a se aferrar, pola propia inseguridade, á letra e non ao espírito dos textos. As dificilmente desculpábeis son as que, por ambición, negan outra evidencia, a do cambio climático. E, se non o fan de palabra, os feitos falan por elas.

Cando hai uns días o ministro de Consumo advertiu da necesidade de moderar a inxestión de carne, abriu a caixa dos tronos cal Pandora barbada e comunista. Non falou por falar ou por se adherir a unha moda. Tampouco por amolar a gandeiros, carniceiros, donos de restaurantes e ávidos consumidores de filetes. Fíxoo porque o avala o seu compromiso co ecoloxismo e a saúde das persoas, desde os estudos médicos e ambientais. Referiuse á necesidade de potenciar a gandería extensiva fronte á intensiva. A primeira, familiar, crea máis postos de traballo, axuda a fixar poboación no rural e a manter as terras coidadas e, daquela, a previr os incendios. A carne obtida deste xeito é moito máis saudábel.

Na eterna estratexia de meter a cabeza debaixo da ala e tirar rendemento electoral, que non político, porque a política debe ser outra cousa, os gobernantes apresáronse a desmentir a Garzón. A resposta cínica de Pedro Sánchez, a loar o sabor dun bo filete "al punto", sen entrar no fondo da cuestión, fala por si soa. Non lle foi á zaga o presidente da Xunta, que cualificou de ocorrencia as palabras do ministro.

Negacionistas? Pois si.

Comentarios