Opinión

Na terra dos lobos

UN DOS argumentos máis socorridos por parte da xente nova á hora de reivindicar liberdades ou obxectos materiais, é que os seus compañeiros e amigos tamén teñen esas liberdades e posúen eses obxectos. Os, cando non teñen criterio propio, refúxianse na vella máxima de que, na terra dos lobos, hai que ouvear coma todos.

E si, ouveando acabaremos se seguimos por esa vía. Quen ler os meus artigos, constatará que teño por teima poñer as novas tecnoloxías no seu lugar. E reitero o que xa afirmei moitas veces: é imprescindíbel dominar o seu manexo e coñecer as súas posibilidades, comprender a súa linguaxe e tirarlles todo o proveito posíbel en aras do coñecemento. Mais son un instrumento, non un fin: esa é a cuestión.

Volvo ao tema por mor do debate aberto arredor do uso dos teléfonos móbiles nas aulas e, ademais, para chamar a atención sobre as declaracións do neuropediatra Manuel Fernández, publicadas neste xornal o 10 de setembro.

Hai dez anos que deixei o ensino e, desde aquela, o problema do mal uso dos celulares nas aulas, polo que me contan, non foi a menos, senón todo o contrario. Os rapaces e rapazas semellan altos executivos a atenderen e mais enviaren mensaxes, inaprazábeis so pena de perder un negocio suculento. No intento de burlar a vixilancia do profesorado, fan verdadeiros malabarismos e, ademais de distraérense eles, desconcentran aos outros e a quen pretende ensinarlles a aprender.

Pola miña experiencia, coido que todos os aparellos dese tipo se deberían depositar, apagados, nun lugar habilitado para iso, ao entrar na aula. En determinados momentos, poderíase acceder a eles para utilizalos en certas actividades.

O que nos dicía o sentido común e mais tiñamos documentado noutras lecturas, acrecéntase coa achega do doutor Manuel Antonio Fernández, experto en trastornos da conduta e da aprendizaxe. Algo que intuíamos, mais non o verbalizáramos como el fixo: "Os menores poden ser tecnoloxicamente insaciábeis". Por iso aconsella estudar cos móbiles e as tabletas apagados.

O de ser os novos tecnoloxicamente insaciábeis, sábeo ben quen conviva máis ou menos tempos con eles. Chegan a semellar posesos ou místicos –escollan- aos que poderiamos chantar un alfinete sen que o percibisen cando se están a entregar aos xogos virtuais.

Hai poucos días, na cidade da Coruña, puiden ver a un mozo dando berros e xesticulando esaxeradamente, a interactuar co seu móbil. Camiñaba con risco de atropelar ou ser atropelado, fóra de si, alleo a canto o rodeaba.

En moitos centros, as tabletas substituirán os libros de papel. E será para ben? O tempo o dirá. Porén, non estaría mal escoitar aos expertos.

Comentarios