viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

Mulleres bragadas

Advirte o refrán que non se poden pillar troitas coas bragas enxoitas. Refírese aos calzóns até o xeonllo que levaban os homes. Medrei escoitando dicir que tiña un xenio bragado polas miñas arroutadas cando nena e adolescente. Máis tarde souben que a palabra era sinónima de enérxica, valente e resolta. Calidades exclusivamente masculinas (!), xa se sabe, de aí o de bragada: que leva os calzóns, que manda. Máis unha vez, o uso machista da lingua. Xa poucos dicionarios recollen o termo con ese significado. Aquí atéñome á diacronía do vocábulo.

María Castaña era bragada. Santa Teresa era bragada. Agustina de Aragón era bragada. María Pita era bragada. Rosalía de Castro e mais Emilia Pardo Bazán eran bragadas, malia que de xeito moi diferente. Hai unha longa nómina de mulleres coñecidas ás que lles acae ben o cualificativo. Secasí, refírome a dúas mulleres hoxe descoñecidas, aínda que no seu tempo e ámbito non o fosen, que ousaron plantarlle cara ao poder eclesiástico.

Elisa Carrete Maseda, nada en 1838 e falecida en 1920. Vivía en Compostela e era curmá dun meu bisavó. Foran noivos, mais romperan porque seica ela era como a protagonista de A doma da fera de Shakespeare, e xustificaba a súa insubmisión reivindicando a propia estirpe. O aínda noivo leváralle un prato para que vise a vaixela que tiña encargada e, ao non lle gustar, esnaquizáraa contra o chan. Noutra ocasión, teimara en pasear pola Alameda, sen chapeu. Cando deu en picar o sol, tirou do peto un pano e cubriu con el a cabeza. (Pode semellar unha nimiedade, mais as alcumadas Sinsombrero, entre as que estaba a nosa Maruja Mallo, aínda tardarían arredor de 50 anos en nacer. Como relata a pintora surrealista, apedráranas na Puerta del Sol por prescindir da tal prenda).

Elisa casou con José Antonio Gutiérrez de la Peña y Quiroga, de ilustre prosapia. A familia tiña dereitos sobre a Capela de Alba, na Catedral de Santiago. Elisa, viúva e sen fillos, viu que lle tapiaran a porta pola que accedía a aquel recinto. Preiteou co cabido e, tras gañar a querela, acudiu cuns albaneis e unha comitiva de acompañantes. Mandou derrubar a parede e entrou teatralmente, a cabalo. Despois saíu do mesmo xeito e ordenou que tapiasen de novo. O do cabalo semellábame hipérbole, mais tiña ese privilexio, como puiden documentar.

Da outra -non lembro o nome- faloume a súa neta. Se non me falla a memoria, litigara pola Casa da Conga, ou un dos catro edificios que a compoñen. Non sei por que camiños chegara a ela, sendo como era vivenda de cóengos. O caso é que fallaron ao seu favor e o arcebispado non apelou. A muller sabía moito e podía falar: era parteira.

Mulleres bragadas
Comentarios