Opinión

Muller, onde e cando?

Non é preciso que recorde que hoxe é o Día Internacional da Muller, unha celebración centenaria cuxa orixe hai que atribuír a máis dun feito histórico, en calquera caso relacionado cada un deles coa progresiva toma de conciencia da igualdade entre as persoas.

Aínda que xa a nosa Rosalía ousa declarar en Lieders (1858) "[...] no acato los mandatos de mis iguales y creo que su hechura es igual a mi hechura, y que su carne es igual a mi carne", até onte muller e escrava ben podían ser sinónimos. Lean, se o dubidan, aqueles manuais da Sección Feminina con que nos adoutrinaron na ditadura. Precisamente un dos grandes "éxitos" do franquismo foi rabenarlle a cabeza ao feminismo nacente da Segunda República.

En realidade, a muller non existe, existen as mulleres. O concepto ou idea que evoca esa palabra non é unívoco. Non o é na nosa sociedade actual, canto máis se estendemos a ollada no tempo e/ou no espazo.

Que ten en común unha muller malpagada, unha inmigrante, poño por caso, a realizar oficios ancilares, fronte a unha alta executiva, política ou profesional destacada no seu ámbito? En que se semella a vida dunha cidadá de clase media occidental á dunha súbdita dun país onde goberna o integrismo relixioso? Como cambia o rol dunha muller o feito de vivir en paz ou en guerra?

Porén, hai un denominador común, tamén ao longo do tempo e do espazo, que é ese trato desigual e, polo tanto, inxusto que se outorga á maioría das do noso xénero. Contra iso nos mobilizamos nesta data.

Certo que as culturas, canto máis avanzadas, menos discriminan as mulleres. Certo, tamén, que aínda entre as mulleres con poder cultural e económico se producen feminicidios un día si e outro tamén, á fin manifestación extrema de cousificación e desprezo.

Cantas, por fortuna, somos donas de nós, estamos eticamente obrigadas a facer nosa a causa da liberación feminina. Homes e mulleres, se acreditamos na xustiza, temos que sermos activamente feministas, isto é, loitar pola igualdade. Mentres haxa unha muller maltratada en calquera dimensión do termo, a humanidade está maltratada.

Este ano a Plataforma Feminista de Lugo destaca no seu manifesto a importancia da educación, tanto na casa coma no ensino, para establecer a verdadeira igualdade. E, dentro dela, a imperiosa necesidade de atallar o acceso á pornografía xa desde a infancia e impartir unha educación sexual adecuada. É nela, na pornografía, onde se configura unha sexualidade violenta e posesiva, afastada da tenrura que nos fai iguais no trato.

Pola saúde dos pobos, oxalá que veñan moitos 8 de marzo en que non haxa que reivindicar, senón celebrar a igualdade.

Comentarios