Opinión

Moitas grazas, monseñor!

NESTES TEMPOS en que os motivos para rir a cachón escasean, é moito de agradecer que todo un bispo nos provoque unha fervenza de gargalladas. E quero comezar pedindo desculpas se o meu artigo ofende a alguén, pero asegúrolles que non é ese o meu propósito. Máis aínda: paréceme incuestionábel que a Igrexa está no seu dereito de difundir por todos os medios a súa doutrina; porén, vexo, e isto non é opinión senón un feito constatado, que esa doutrina é ben desparella segundo quen a difunda. Monseñor Munilla, a quen me refiro, está a anos luz do Papa Francisco. E, xa que menciono o Papa Francisco, terei que glosalo para me preguntar quen son eu para xulgar ao bispo de Donosti.

Non, non o vou xulgar. Quero, simplemente, explicar o motivo da miña hilaridade que seguramente é o mesmo que suscitou o riso e o sorriso de moitas das persoas que viron a cuberta do último libro do mitrado vasco.

Trátase dun manual destinado á xuventude, titulado ‘Sexo con alma y cuerpo ’ e asinado —perdóeseme a ironía— por dous expertos, o susodito prelado e mais Begoña Ruiz Pereda, Licenciada en Ciencias Relixiosas e integrante consagrada dun instituto secular.

Non vou entrar no contido do libro, entre outras razóns porque este espazo non mo permite, así que non lles podo comunicar a boa noticia de que no Alén tamén poderán ter sexo —sen xenitais, iso si—. Tampouco podo facerme eco das advertencias sobre a maldade intrínseca da ideoloxía de xénero, os cambios de humor que levan ás mulleres a limpar febrilmente en certos días do ciclo, ou outras perlas dignas do Club da Comedia.

O que pretendo é ponderar o atinado do deseño da cuberta do volume. No título destácase en letras moi grandes e de cor rosa a palabra sexo. Debaixo, en negro e nun tamaño moito máis pequeno, a xeito de subtítulo, pódese ler "con alma y cuerpo". E agora pensen na imaxe que lle cumpriría a esta obra: unha parella collida da man mirándose ou mirando a un mesmo punto? Unha rosa e un caravel para sermos máis ridículos? Pois non, o que podemos ver é a José Ignacio Munilla vestido con ‘clergyman’ negro, cruzadas as mans e moi separadas as pernas, solitario, nun banco de parque. Todo un símbolo que se pode completar coas expresivas imaxes de prensa en que aparecen xuntas as dúas persoas —sen dúbida célibes— que asinan o libro.

Nunha cousa concordo con eles, a non trivialización do sexo. Para iso, todo me parece que son máis eficaces as palabras que lle oín a un profesor laico dirixidas aos seus alumnos: "Un home non é un boi".

Sen dúbida o máis cómodo, en vez de baixar aos problemas deste mundo, é contemplalos desde o sexto (mandamento).

Comentarios