Opinión

Mocidade ou mozos e mozas?

É UNHA constante histórica xulgar negativamente a xuventude. Hai abundancia de textos que o demostran. A título de exemplo, vexan este que seguramente xa coñecerán: "A xuventude de hoxe ama o luxo. É maleducada, despreza a autoridade, non respecta aos seus maiores e lareta mentres debería traballar. Os rapaces xa non se poñen de pé cando os maiores entran no cuarto" e outras lindezas máis, como dicir que tiranizan aos seus mestres ou na mesa acaparan o que máis lles gusta. Podería referirse a moitos mozos e mozas de hoxe, verdade?

Desde logo, Sócrates non dixo isto como nos queren facer crer. É unha cita apócrifa e non ten os 2500 anos que lle atribúen, senón medio século.

"Mocidade" é un nome abstracto e, como tal, pertence ao pensamento e non existe fóra del. Porén, existen os mozos e as mozas e non son un todo uniforme. Hainos con valores e hainos sen valores. Os universais servirían para todo o mundo; mais outros varían segundo a xerarquía que lles outorgue cada persoa ou cada cultura. Estes, en todo caso, non veñen "de fábrica". Teñen que ser transmitidos polo exemplo e a educación.

Que exemplo dan certos políticos atacándose ad hominem, é dicir, argumentando falazmente a base de descualificacións das persoas e non razoando sobre as ideas? Que educación mostra un alcalde que non recibe de pé a unha señora de idade moi avanzada e, sentado el, pretende que ela si asine de pé un convenio? Que maneiras empregamos as persoas adultas de toda condición?

Doutra banda -tense repetido moito estes días-, non ven outra saída que a rebeldía fronte á falta de perspectivas de futuro. Isto fainos especialmente manipulábeis por parte dos profetas de moda. O rapeiro Pablo Hasel é o da violencia e do odio a todo o que non responda ao seu concepto de xustiza e liberdade.

"Oh, liberdade! Cantos crimes se cometen no teu nome!", pronunciou Madame Roland fitando unha estatua de arxila que a representaba, antes de morrer no cadafalso. Liberdade, igualdade e fraternidade, lema da Revolución Francesa, polas que ela tanto loitara.

Liberdade para que o rapeiro siga normalizando a violencia machista nas súas melopeas. Liberdade para exaltar o terrorismo. Liberdade para chamar á insurrección. Liberdade para facer cotiá a invasión dos bárbaros.

O máis doado é reprobar e non ver as causas que explican, aínda que non xustifiquen, estes comportamentos. Rescatar os túzaros do pozo da inopia física e mental que os fai vulnerábeis, é fariña doutro fol. Non gustan deste mundo. Talvez haxa que escoitalos un por un, unha por unha, para que busquen o por que e o para que do que fan.

Comentarios