Viernes. 15.02.2019 |
El tiempo
Viernes. 15.02.2019
El tiempo

María Estuardo e a miña avoa

HOXE HAI catrocentos trinta e dous anos que a cabeza de María Estuardo rolou tras tres tallos pouco certeiros.

Non é cousa de nos deter na trama que a levou ao cadafalso. Así, moi por riba, a historia é esta:

Filla de Xacobe V de Escocia, raíña aos tres días de vida pola temperá morte do pai. Enviada a Francia, terra materna, para protexela, casou co delfín, o futuro Francisco II, co que estaba comprometida desde os cinco anos. Aos dezaseis era, ademais de raíña de Escocia, raíña consorte de Francia. Enviuvou dous anos despois e tornou ao seu país. Casou de novo co seu curmán Henrique Estuardo, tivo un fillo, Xacobe VI, no que abdicaría cando este non tiña máis que un ano. E foi acusada de estar no complot en que asasinaran o seu home, por desposarse, unha vez declarado inocente, co que fora o principal sospeitoso.

Tras o intento de recuperar o trono, foise refuxiar cabo da súa parente Isabel I de Inglaterra, quen, temerosa de que conxurase contra ela, confinouna durante dezaoito anos. Despois acusouna de conspiración e asinou a súa condena a morte.

A prima, Isabel I, era filla de Henrique VIII e Ana Bolena, xa que logo dunha parella tinguida de sangue, como executor el, como vítima ela. O certo é que os católicos apoiaban a María Estuardo e maquinaban para liberala e, por outra banda, os protestantes estaban do lado da que se había proclamar xefa da igrexa anglicana.

A miña avoa materna foi a primeira que me contou estas cousas. Remataba cunha canción que nunca máis lle escoitei a ninguén. Indaguei se tería a ver co lied de Robert Alexander Shumann, letra de Gisbert Freiherr von Vincke, dedicado á malpocada raíña, mais non. Velaí: "Ya llega el barco, las olas hiende, / bajo otro cielo boga veloz, / la noche oscura su manto tiende, / cielos de Francia, por siempre adiós. / No quiero el trono que en la sombría / tierra de Escocia me han de brindar, / si con ser reina soñé algún día / fue porque en Francia quise reinar. / Amores, gloria, fastos, laureles / fueron el lema de mi ilusión / lo pierdo todo por tus vergeles / por eso gime mi corazón. / Como presagio de muerte impía / negro cadalso vi levantar / y en noche oscura cual mi agonía / hasta el cadalso me vi llevar./ Adiós mi bella y hermosa Francia, / tierra que adoro con frenesí, /en tu regazo pasé mi infancia, /adiós, me muero lejos de ti".

De Isabel contábase que vendera a alma ao demo e que, nas noites de invernía, ouvíase á beira do Támesis: "Isabel, Isabel, corenta anos de reinado por unha eternidade de pena". Sen dúbida, unha lenda vingativa urdida polos católicos.

Cal a verdade?

María Estuardo e a miña avoa
Comentarios