martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Máis que nunca

COMO SABEN, en 1999 a Unesco fixou o 21 de marzo, equinoccio de primavera no hemisferio norte, como Día Mundial da Poesía. Onte mesmo. Hoxe, 22, é o Día Mundial da Auga. Este instituíuse a proposta da Conferencia das Nacións Unidas sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento, celebrada en Río de Xaneiro en xuño de 1992.

Non sei cantos días do ano carecen de dedicatoria. Eu contei 139 sen considerar as celebracións duplas nunha mesma data e aquelas ás que se destina máis dunha xornada. Seguramente é casual a proximidade entre as dúas conmemoracións ás que me refiro hoxe; mais, sen dúbida, é ben pertinente porque a auga e a poesía teñen moito en común.

Se Gabriel Celaya escribiu aquelo de "poesía necesaria como el pan de cada día", fíxoo empregando unha metonimia moi usual, é dicir, nomeou o todo pola parte. O mesmo que facemos cando falamos de gañar o pan, cousa que non requiriría moito esforzo se só nos referísemos a ese alimento básico na nosa cultura. Porén, máis necesaria que o pan é a auga, porque sen ela non habería pan nin outros vexetais e animais que nos serven de sustento.

Non podemos vivir sen auga e non podemos vivir sen poesía. Se soamente fósemos animais, a segunda parte desta afirmación sobraría. Secasí, somos animais racionais, con alma, espírito, pensamento e raciocinio ou como lle queiran chamar a esa parte de noso que nos fai humanos.

Aínda que, en rigor, nos refiramos á poesía como a arte producida por un uso especial da palabra, o certo é que esta arte resístese ás definicións ou, mellor aínda, cádranlle todas porque pode ser todo, mais non calquera cousa.

Daquela concepción romántica que tiña especial querenza por ligala ás flores e á primavera (pola data da súa celebración, semella que para a Unesco tamén) talvez non fique moito. Bécquer foi máis que iso, pero ligou a supervivencia da poesía a esta estación: "Mientras haya en el mundo primavera, habrá poesía". Rosalía de Castro, pola contra, declara no poema inicial de Follas Novas a súa non adhesión á considerada poesía feminina, de pombas e flores. Isto non impide que a primavera se lle filtre por veces como fondo doutros temas.

Á marxe de todas as poéticas, eu fago miñas as palabras do inglés, tamén romántico, John Keats: "Só a beleza é verdade e só a verdade é beleza". A poesía ten, polo tanto, moito a ver coa ética. Non tería que existir a dicotomía entre compromiso e beleza. Toda poesía é social porque o autor ou autora que publica a súa obra, ademais de expresarse, comunícase. Cantar á primavera é tamén cantar á auga que a fai vizosa, buscar a súa verdade que é canción e transparencia, non desbaldila coma unha fortuna herdada.

Máis que nunca
Comentarios