jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

Loanza da artesanía

A razón pola que hoxe se celebra o Día Internacional do Carpinteiro e do Artesán é doada de intuír. A Biblia di que San Xosé era artesán. Podería ser canteiro, alfareme ou calquera outro oficio manual, mais a tradición quixo que fose carpinteiro.

Cando a que isto escribe era nena, tiña a sensación de que a maioría dos homes se chamaban Pepe ou Manolo porque, en case todas as casas se repetían os dous antropónimos. Non recordo se sabía que estes eran os hipocorísticos de Xosé e Manuel. Desde logo, aínda que tivese o concepto, descoñecía o termo co que se designan as formas abreviadas ou familiares dos nomes ( "hipocorístico" procede do grego, "chamar cariñosamente, con caricias"). Tampouco ninguén me explicara aínda que Pepe vén, posibelmente, dos dous pes con que se escribía en abreviatura pai putativo nas peañas do santo e noutros documentos.

Así que, alén de festexar até onde se poida —sen transgredir— os Pepes e as Pepas, cómpre ter unha lembranza agradecida para todas as persoas que, coas súas mans, axudan a rolar o mundo. Nestes tempos convulsos de políticas e políticos que non ven máis aló do seu nariz e semellan esquecer para que os elixiron, non estaría mal que tivesen a humildade de imitaren aos artesáns e artesás que teiman na calidade do seu produto. Os que non o fan, reciben o nome de chambóns. Pois iso.

Cáusanme rexeitamento as placas nas que figuran os nomes de quen goberna ou gobernaba cando se levou a ramo un proxecto

Octavio Paz, Nobel de literatura, deixou dito: "Feito coas mans, o obxecto artesanal, garda impresas, real ou metaforicamente, as pegadas dixitais de quen o fixo. Estas pegadas non son a sinatura do artista, non son un nome; tampouco son unha marca. Son máis ben un sinal: a cicatriz case borrada que conmemora a fraternidade orixinal dos homes. Feito coas mans, o obxecto artesanal está feito para as mans; non só o podemos ver, senón que o podemos palpar. A obra de arte vémola, mais non a tocamos". É todo o contrario ao ego, recoñecerse parte dunha tarefa común, debedora da tradición e encamiñada ao futuro.

Os discursos que non se apoian na coherencia de quen nos rexe ou aspira a facelo, as liortas verbais, a perversión da linguaxe para volvela contra o rival que converten en inimigo, por veces a calumnia, afástannos da política. O bo goberno, as obras, os feitos a prol do interese xeral, achégannos a ela.

Cáusanme rexeitamento as placas nas que figuran os nomes de quen goberna ou gobernaba cando se levou a ramo un proxecto. As obras públicas ou subvencionadas son froito dun esforzo colectivo. Máis unha vez, ilústranos a nosa literatura da man de Francisco Añón. Resumindo un seu poema, a torre de Hércules non a fixeron nin os fenicios, nin os romanos: fixérona os canteiros.

Loanza da artesanía
Comentarios