Opinión

Leite de lúa, vinilos e coñac

Diante de tantas noticias desacougantes e por mor de  afrouxar a tensión,  permítanme unha dose de banalidade. A columna podería ser a resposta a unha adiviña abondo parva: Que relación poden ter o leite de lúa, os vinilos de 45RPM, discos de curta duración tamén chamados ‘singles’, e o coñac?

Hoxe, 2 de febreiro, celebramos a Candeloria que, outrora, cando os refráns meteorolóxicos tiñan certa vixencia, marcaba o ecuador do inverno se chovía. “Se a Candeloria chora, metade do inverno vai fóra. Que chore, que deixe de chorar, a outra metade está por pasar”. Agora, chova ou non chova, primavera e inverno andan ao chou, erráticos como vagabundos sen destino. Así que... a outra cousa.

Nesta data, concretamente en 1949, saíu o primeiro vinilo de 45RPM. Este formato, vixente durante moitos anos, era máis doado de adquirir que os de longa duración e tiña, ademais, a vantaxe de ofrecer en primicia temas que despois aparecerían nos LPs. Estes pequenos discos foron os culpábeis de que na nosa casa correra máis coñac que en moitos dos bares que, de mañá cedo, servían ‘carajillos’ aos traballadores que escorrentaban o frío do inverno con eles, do de antes e despois da Candeloria.

Sucedía que un distribuidor de brandy, da marca Fundador concretamente, trocaba uns tapóns destas botellas polos amentados vinilos. Todos incluían o anuncio do produto: "Fundador, está como nunca...», ademais da canción elixida entre o repertorio dispoñíbel. Non bebiamos o coñac, simplemente nos ofrecíamos a cociñar e, casualmente, íasenos a man á hora de regar as carnes. Non sei o que pensaría o señor Viñas das aplicadas clientas dunha bebida de nome discutido (cognac para os franceses; brandy, palabra neerlandesa adoptada polas adegas españolas, e jeriñac, por Jerez,  deseñada pola RAE e que ninguén usou nunca porque, malia a prohibición francesa, seguimos a chamarlle coñac); mais sospeito que coñecía ben o noso motivo.

O leite de lúa, por se alguén non o sabe, é unha substancia cremosa composta sobre todo de calcita, que se atopa no interior de covas. Ten a particularidade de que non se solidifica nunca. Coñecida desde o século XVI, usouse como cosmético e tamén para curar afeccións cutáneas. Arredor dos seus usos máxicos existen bastantes lendas e sería bonito idearlle outras cantas, porque, á fin, a cadora precisamos soñar máis para fuxir da distopía.
E si, tamén un 2 de febreiro de comezos do século XXI, descubriuse nunha espenuca do Val de Aizarna, en Euskadi, un río de leite de lúa líquido, o único coñecido no mundo. 

‘Leite de lúa’, un bonito título para unha canción; mais, se alguén a fixer, xa non estaría entre as de Fundador. Por iso o polo non está tan saboroso.

Comentarios