jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

A intrépida dona Teresa

Eran os primeiros 70 do século pasado. Artes Aplicadas iniciaba a súa andaina en Lugo e, mentres non se remataba o edificio, instalouse na Escola de Peritos Agrícolas. Ademais do ensino regrado, había polas tardes talleres para adultos. A nosa nai rozaba os sesenta anos e dona Teresa pasaba dos setenta. Ambas, amigas e aveciñadas na zona do Parque de Rosalía de Castro, acudían a aquelas aulas con entusiasmo de rapazas.

Imaxino que os profesores, don Luís Pacios, de pintura, e don Mariano (González?), de modelado, contemplarían divertidos os progresos e a competitividade cordial entre aquelas dúas señoras. Na primeira sesión, miña nai triunfou amplamente. Pedíraselles que realizasen en barro un obxecto a vontade. Mamá deulle forma a unha rosa. Cando don Mariano ponderou a súa perfección, ela respondeulle que levaba máis de corenta anos practicando, porque era o remate que lles poñía ás empanadas.

De estaren nun sistema inclusivo, como o que ideou un pastoricense en Nova York, Dino Pacio Lindín, teríanlles en conta os coñecementos que xa posuían e sairían daquela experiencia con algún tipo de título. Porén, iso non lles tiraba o sono. Ás dúas lles gustaba pintar e, alén de todo, rompían coa monotonía da rutina doméstica.

O caso é que a ambas as alcanzou unha onda de enerxía xuvenil. No caso da nosa nai, notábase menos porque vivía rodeada de xente nova e xa recibía influencia abonda. Mais para dona Teresa, solteira, ocupada en atender a un irmán viúvo, aquilo era auga de maio.

Tanto foi así que, en aras dunha maior autonomía, decidiu mercar unha Mobylette, un daqueles ciclomotores que non precisaban carné e tampouco podían ir a máis de corenta por hora. Unha gran idea se non fose que a boa da señora non sabía andar en bicicleta.

Malia todo, non se acovardou polas continuas perdas de equilibrio. Dos corenta quilómetros de velocidade permitidos, sobrábanlle trinta e cinco. Aínda así, practicaba o máis difícil aínda porque cunha man agarraba o guiador e na outra levaba un caxato para ter tres puntos de apoio e non caer.

Non sei canto tempo persistiu no empeño. Os recordos, xa se sabe, cando hai cincuenta anos por medio, son bastante imprecisos. A que non se me borra da memoria é a imaxe da muller seguida pola cativada do barrio.

Cando a lembro non río, mais sorrío como aqueles nenos e nenas que, lonxe de mofárense, contemplaban a escena en silencio e semellaban ser parte da aventura.

Nestes días estraños, pode ser un exercicio saudábel facermos o noso particular catálogo de persoas singulares e momentos cómicos. Non me desgustaría estar nalgunha listaxe.

A intrépida dona Teresa
Comentarios