Opinión

A incerteza é un compás tolo

Coido que a palabra ‘compás’ non nos trae de inmediato á mente a imaxe dese obxecto que serve para orientarse,  consistente nunha agulla imantada que sinala sempre o norte magnético sobre unha rosa dos ventos. Pensaremos antes no instrumento que nos permite trazar círculos ou na estrutura métrica musical. O dicionario de Franco Grande, o de Eladio Rodríguez e outros máis, recollen búsola; en portugués dise bússola, mais no da RAG non aparece. 

O rexeitamento de canto soe a portugués, historicamente practicado polo Instituto da Lingua Galega, pode explicar a elección de ‘compás’ en exclusiva, desbotando a outra posibilidade. Porén, ninguén me prohibirá usala. Direi, xa que logo, búsola.

A incerteza é unha búsola tola. Pénsoo, escríboo, e lembro a Torcuato Luca de Tena, pola novela titulada ‘La brújula loca’. Acontece en 1937 e o protagonista é un neno, Perico, rescatado de entre os cascallos que deixou un bombardeo na capital cántabra. Desde a súa lóxica infantil, emprende unha viaxe chea de peripecias, mais non perde a esperanza do encontro coa familia. En realidade, morreron todos. O neno pensa que regresaron a Madrid e o deixaron esquecido. Descoñezo se debo recomendar a lectura dunha novela que se publicou en 1965 e lin pouco despois.

Alén do título, o protagonista e o contexto, non lembro moito máis. Aínda así, o seu recordo acódeme cada vez que penso nas criaturas que están a padecer por mor da guerra. 

Tanto Perico, o personaxe de ficción, como os nenos e nenas de hoxe, camiñan porque saben que meta procuran: a calor dos bicos e da casa, o colo de quen os quere, a seguridade que fuxiu como auga entre os dedos. 

O problema téñeno os adultos. Séneca dixo hai XXV séculos que ningún vento sopra a favor de quen non sabe onde quere ir. Sábeo verdadeiramente este noso mundo? 

O deus Capital, si; o que non sabe é que está cego e que se vai meter nun foxo onde se cocerá no propio caldo. Descoñece até que punto depende das persoas ás que explota e despreza. Ignora que a súa tiranía é cuspir ao ceo e, como ensina o adaxio, halle caer na cara. Troca vida por riqueza, mais non é consciente de que a verdadeira riqueza non son os cartos nin o ouro, senón a vida: un bucle diabólico, abofé.

As persoas conscientes, as que non queren seguir as consignas que nos marcan e matan, son sempre sospeitosas. Secasí, con búsola non se erra o norte. O norte é a vida. A búsola é a ciencia que transcorre polo camiño da ética. A ignorancia, o terreo abonado para acreditar en falacias. A incerteza é precisa, malia ser unha búsola tola. Como enunciou Descartes, «a dúbida é o comezo da sabedoría».

Comentarios