Opinión

Humor e historia

DAS FORMAS de protesta, talvez a máis aguda sexa o humor. O malo é que, en contra do que dicía Castelao de si propio ("Non teño vocación de estupefaciente"), ás veces actúa como tal. Semella que a moita xente lle abonda con enviar, recibir e replicar os 'memes' paródicos de internet para desabafar a rabia que producen as flagrantes inxustizas das que nos toca ser testemuñas.

Tamén teño a sospeita de que, de non ter esta vía de escape, sería maior o número de rapaces e rapazas que cometen actos vandálicos. Claro que hai quen combina ambas posibilidades e tamén quen, tras o consumo de alcohol e/ou outras substancias, enche o baleiro do seu cerebro destruíndo o patrimonio común. A prensa vén informando periodicamente das desfeitas tras o botellón. Estes, que en realidade non son conscientes de estar protestando, son a denuncia gráfica do fracaso do sistema.

Un sistema que comercia coa moeda máis falsa que existe, a de crearnos a ilusión de que somos libres cando estamos a ser manipuladas como monicreques para servirmos os intereses do gran capital. E son ben consciente de que con isto non descubro América, mais cómpre que o repitamos moitas veces para ver se así nos poñemos alerta e identificamos as maneiras do inimigo, as falacias dos trampulleiros.

Se á volta dos anos chegase á nosa civilización un extraterrestre, abondaríalle con estudar estas manifestacións satírico-humorísticas para saber que, nos tempos que vivimos, ademais de gobernar os USA un pallaso nada humano (con perdón dos pallasos), no Estado Español houbo que loitar por algo tan evidente como a necesidade de expulsar da política os corruptos.

Por ter sido mestra, non me podo librar da perspectiva didáctica destas cousas. Neste caso, se os meus coñecementos e o meu tempo desen para tanto, gustaríame ensinar a historia dos últimos séculos cun estudo diacrónico dos chistes que apareceron na prensa e outras publicacións.

Falo, se me desculpan, dunha miña experiencia: Era unha nena cando lin a Crónica de la Guerra Europea 1914-1918 de Blasco Ibáñez, que aínda segue na biblioteca da casa en que nacín. Podo asegurar que as viñetas que o correspondente daquela primeira gran guerra incluíu, tiradas de xornais do momento, me espertaron o interese por coñecer uns feitos tan terríbeis.

De calquera maneira, polo que toca ás cousas que aparecen nas redes sociais, cómpre poñelas entre parénteses antes de indagar se nos remiten a feitos verdadeiros ou a rumores interesados. Á fin, verdades e mentiras conviven na rede en pé de igualdade e, ademais, semella que tanto vale un hamor con h que un amor sen el, un umor sen h que un humor con el.

Comentarios