Opinión

Homes aos que lles zoupan

"A MULLER que lle pega ao home, fai ben se pode". Este refrán galego que se adoita entender como solidario coas mulleres, é en realidade ao revés. Aínda así, se iso se puidese xustificar, tamén se xustificaría o contrario que, por desgraza, acontece máis veces. O "se pode" é o quid da cuestión.

Dáse por feito que a maioría non podemos porque posuímos menos forza. E, ademais, enténdese que un home que se deixa zoupar por unha muller é un Xan, un miñaxoia, un malpocado, un apoucado, un infeliz e todos os adxectivos que queren expresar baixos niveis de testosterona que, polo visto, é o que fai virís os machos.

A igualdade de dereitos e deberes, aínda que na diferenza, é bidireccional e, desde logo, non se trata de emular o que rexeitamos no outro. Quen ve no feminismo un ataque aos varóns faino porque entende que vulneran os seus dereitos, mais a realidade é que os únicos cuestionados son os seus privilexios. Tamén ao de pernada lle chamaron dereito no seu día, cando non era máis que un abuso.

Resultan hilarantes a maioría dos argumentos cuxa falacia é doado demostrar. Así, Jiménez Losantos, pregunta que máis queren as mulleres se xa son maioría en moitas das titulacións universitarias. Vaia, que xa nos permiten exercer as profesións para as que estudamos, que non fan coma os "ayatolas" que mandaron para a casa a médicas, enxeñeiras e outros desempeños cualificados. Hai quen, contra as máis elementais investigacións sociolóxicas, negan a existencia do patriarcado e lanzan anatemas contra as feministas ao tempo que proscriben tal termo. Non falta quen diga que culpamos a todos os homes dos crimes machistas porque se exhiben carteis co lema "nos estáis matando", pero a verdade é que os tales carteis rezan "nos están matando".

Disque hai moitos feminismos e, na práctica, pode suceder así. Porén, se por definición se trata dun acto de xustiza, o de defender a igualdade de dereitos para homes e mulleres, eles nunca serán excluídos como pretenden facer crer os que se senten agraviados (e agraviadas, que as hai) por este movemento de emancipación.

Mágoa que nas manifestacións haxa consignas non asumíbeis pola maioría que cativo favor lle fan á causa. Secasí, das máis brutas fanse eco os detractores da protesta. Indican o nulo respecto ás crenzas de moitas persoas presentes e a pouca dignidade das que así se expresan. E tamén ignorancia supina porque, á marxe da que é blasfemia para os crentes, indica descoñecemento da mentalidade xudía daquel tempo vociferar que a Virxe María tamén abortaría. Fronte a isto, a continua mención dos xenitais semella cousa menor.

O feminismo é civilización, non un bis da barbarie.

Comentarios