Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Historietas de verán

NESTES TEMPOS de ira mal administrada, hai noticias que, malia todo, causan hilaridade e refrescan o ambiente caldeado polo agosto e as tensións de toda caste que, como nubes, se cargan de electricidade, chocan,  e sementan de raios o mundo: os da violencia machista, do racismo, a xenofobia, a ambición desmedida, o rexeitamento da diferenza e outras eivas capitais. 

Comezarei pola anécdota vivida nunha praia da Costa da Morte por unha amiga miña, coñecida escritora. Seica ao entrar na area, saudou cortesmente a unha parella adulta cun "bos días" ao que, unha alporizada muller, respondeu: "Oiga usted, háblenos en español, que nosotros no somos catalanes". Fica a dúbida de se pensaban que o saúdo era en catalán ou se vían con receo o uso das propias linguas, co rexeitamento fratricida que andan a fomentar certas xentes de ben. 

Tamén ten o seu aquel a demanda que a señora inglesa presentou á axencia de viaxes porque no hotel que contratara en Benidorm había un exceso de turistas españois, maleducados e groseiros segundo ela. Non lle falta razón, deberan albergala nun deses en que os seus paisanos ou outros europeos civilizados practican o balconing, cheos coma odres e, daquela, non menos ruidosos ca nós. E que conste que non soporto o barullo e as malas maneiras que campan en moitos establecementos. 

Estou a escribir desde Granada e a amabilidade e trato respectuoso é unha constante

Estou a escribir desde Granada e, hai que dicilo, a amabilidade e trato respectuoso é unha constante. había anos que non vía ceder o asento a mulleres grávidas ou persoas maiores nos transportes públicos, como vexo aquí.

Hai tres días, unha parella que comparte vivenda, paseaba a altas horas pola beira do río Genil. E, ou non tiñan aire acondicionado na casa, ou o consumo desmedido de alcohol lles fixo perder o máis elemental pudor para levar a ramo a súa fantasía erótica. O conto é que se deitaron no espazo que queda entre a varanda e o cavorco de pedra e cemento que acaba na auga e, en medio da batalla, rodaron até o río lorquiano.  Non era o Darro, o do poema La casada infiel, nin a rapaza de 24 anos tiña outro marido. O compañeiro, que tampouco era xitano, procede de Italia e suponse que non lle regalará un costurero,  atenderaa  porque unha conmoción cerebral deu con ela na UCI. Seis metros polo tobogán improvisado en presenza dos que osmaban a escena que, á fin, foron útiles e chamaron polos bombeiros. 

E se este feito dá lugar a unha celebración dionisíaca? Recréase, douscentos oito anos despois, a fazaña do alcalde carboeiro de la peza, que fixo un canón de aciñeira para defenderse dos franceses e, ao rebentar, matou tantos veciños como invasores. Tiñan que convidar a Trump. E, se non, que o lea nas Historietas nacionales de P.A. de Alarcón.

Historietas de verán
Comentarios