Opinión

Hai que cambialo!

FALO DO mundo e do noso estar nel. Boa parte das persoas quereriámolo diferente. Iso significa que non nos gusta como é ou como funciona. E poderíamos cambialo. O problema radica en que non nos poñemos de acordo, en que hai diversos tipos de seres humanos e, daquela, moitos xeitos de pensar e de actuar. Como "polos seus froitos se coñece a árbore" (Lucas, 6,44), mesmo sen xulgar, cómpre facer unha clasificación.

A primeira e máis elemental, aínda que resulte redundante, consistiría en dividir a especie humana en humana ou inhumana. Mais, co adaxio latino '‘errare humanum est'’, queda esta clasificación invalidada. Claro que sempre se pode matizar. Chamaríamos inhumanos aos que fan o mal conscientemente, antepoñendo sempre os seus desexos e beneficios á vida e benestar dos outros. Os demais, porque errar é humano, son —somos— esa inmensa maioría en cuxos propósitos non entra facer dano, aínda que o facemos con frecuencia.

Porén, mesmo non nos poñendo de acordo en decisións tales como o partido ou organización a que votar; o deus en quen crer ou non crer; o sermos vexetarianos, veganos ou omnívoros; a necesidade ou non de explorar o cosmos e outras cousas así, o mundo podería mellorar con algo tan simple como a procura da excelencia no que facemos. E non me refiro a alcanzar unha perfección case sempre vedada polos nosos propios límites, senón ao intento de realizar o mellor posíbel as tarefas que temos encomendadas.

Contábame unha amiga que, non hai moito, indo nun autobús urbano, recibiu unha forte sacudida porque nun cruce o condutor tivo que frear bruscamente para non chocar cun turismo. Ergueuse do asento e puido comprobar que o home ía facendo uso do Whatsapp. Naturalmente que lle chamou a atención por poñer en perigo moitas vidas. Este é un exemplo ben gráfico do que estou a dicir. Seguro que o chofer non era ningún monstro, mais a súa inconsciencia puido causar un masacre.

Pola contra, cústame pensar que son humanos os ladróns de luva branca, eses caníbales que non se sacian con nada e roen nas carnes do ben común. Non se decatarán de que lles escoa sangue polos bigotes?

O mundo tamén mudaría o rostro se o mudásemos nós. Sorrir con máis frecuencia, inclusive a destempo para xerar a alegría que se cadra non temos. Pensar que todas as persoas coas que nos cruzamos tamén libran a súa particular batalla pola vida e, por iso, merecen respecto e non malas maneiras.

Por fortuna, abunda a boa xente, a que sabe que o ben non fai ruído pero fai moito ben. E, aínda que semelle un trabalinguas, o ben é facer ben o que se debe facer.

Outro mundo? Pois —predico para min— poñámonos ao labor que nos toca.

Comentarios